Patrimonio Etnolóxico

Autoría textos: Aurelia Balseiro García

 

O patrimonio etnolóxico de Burela está en relación coa identidade cultural galega e vencellado directamente coa súa economía, clima, xeografía, tradicións, costumes, etc., por iso inclúe bens materiais (mobles e inmobles) e inmateriais.

As construcións populares deste patrimonio etnolóxico teñen unha finalidade práctica fundamentalmente, mesturan a funcionalidade coa sabedoría tradicional convertindo moitas veces a sinxeleza en beleza.

A maioría das construcións populares auxiliares consérvanse bastante alteradas: fontes, lavadoiros ou algún pozo, non obstante, ademais do seu valor intrínseco teñen moita relación co patrimonio inmaterial a través de costumes, usos ou tradicións orais que levan relacionadas. Porén, son os hórreos ou cabozos as construcións máis representativas e numerosas.

Os cabozos en Burela

O hórreo pode considerarse unha das construcións máis características da arquitectura popular galega porque é unha parte moi visible da nosa paisaxe e idiosincrasia. Ademais de ser un ben inmoble do patrimonio etnolóxico, ten gran interese antropolóxico e o seu estudo debe de ser interdisciplinar e vinculado ao patrimonio inmaterial.

Actualmente son bens de interese cultural os anteriores a 1901 (Lei do 5/2016 do PCG). Na Mariña lucense denomínanse cabozos máis que hórreos.

A súa aparición pode remontarse á protohistoria debido a que nace como almacén de cereais; logo, coa introdución do millo/maínzo na nosa agricultura1 (s. XVII), pasa a utilizarse fundamentalmente para esta gramínea.

Ata o século pasado a economía das zonas costeiras galegas como Burela combinaba a agricultura coa pesca, tanto de forma estacional como continua, e os cabozos conservados eran unha mostra ou consecuencia desa parte da economía rural. Ademais a dieta alimenticia complementábase co devandito sector da pesca, documentado en Burela desde época medieval debido á riqueza pesqueira da nosa costa, por iso é normal que os hórreos se situaran incluso preto do mar, sempre ao redor das casas ou a carón das súas eiras, colocándose en busca do vento para que estivesen ben aireados, e próximos ás vivendas.

Aínda que ata o último terzo do século XX se utilizaban a cotío, os cabozos xa ían perdendo parte da súa integridade ao usar criterios distintos e materiais modernos na súa construción e reparación substituíndo ou diversificando a súa función orixinal hacia outros menesteres. Co abandono do seu destino como almacén de determinados produtos que garantía a súa conservación para o consumo cotián durante todo o ano, foise perdendo a necesidade e polo tanto, o seu coidado devén no abandono, agás os de nova planta relacionados con cuestión decorativas e ornamentais como os situados en áreas recreativas.

A súa estrutura é o resultado do uso como celeiro: é alto e estreito para illalo do chan e dos roedores, facilitando así a ventilación para que o contido permaneza seco.

O cabozo rectangular a catro augas é o máis típico de Galicia e da mariña lucense. En canto ao material construtivo aquí predomina a pedra combinada coa madeira, material este máis utilizado dende a Idade Media ata o S. XVIII, cando empezan a aparecer xa integramente de pedra nalgunhas zonas. Algúns ademais teñen algún detalle decorativo como os remates das cubertas en forma de cruz, pináculos ou os esgrafiados ornamentais e relevos indicativos dos seus propietarios, da data de construción, etc.

En Burela son característicos os de planta rectangular, con cuberta a catro augas, de madeira con estrutura de pedra (hórreos mixtos) dos cales temos bastantes exemplos e, en xeral, intégranse nos hórreos típicos da Mariña Lucense, que adoitan ser altos, estreitos, curtos e xeralmente pequenos, con cubrición de lousa e dous ou tres pés de apoio en función do tamaño da cámara superior.

Noutros lugares como Ribadeo ou Mondoñedo xa cambia a tipoloxía establecéndose uns modelos específicos para cada zona, pero en Burela son de tipo mixto.

Festas populares de Burela

 

Notas ao pé:

1 Segundo Bouza Brey (1953) o primeiro millo de América que se plantou en Europa tivo lugar en 1604 en sendas parcelas de Mondoñedo e Tapia de Casariego. BRAH.