Festas Populares
Festas de Burela
FESTAS PATRONAIS. O principal acontecemento festivo do Concello de Burela constitúeno as súas festas patronais que se celebran o primeiro fin de semana do mes de xuño, pouco antes de que a frota boniteira se faga ao mar para extraer coas mellores artes o apreciado bonito do norte. Ver facebook das Festas Patronais.
DESCARGA AQUÍ TODOS OS LIBRIÑOS DAS FESTAS PATRONAIS
ALFOMBRAS FLORAIS. O sábado das Festas Patronais elabórase unha enorme alfombra floral desde a igrexa ata o porto, sobre a que se celebra a procesión nocturna, profunda e entrañable, que acompaña á patroa dos mariñeiros, a Virxe do Carme, desde a igrexa parroquial ao porto, para despedir e bendicir aos seus mariñeiros próximos a partir. Esta procesión congrega a miles de persoas que medran en número cada ano.

PROCESIÓN MARÍTIMA. O domingo das Festas Patronais os barcos de Burela saen en procesión para facer unha ofrenda no mar, onde se goza, ademais do colorido, da experiencia dunha viaxe de navegación a bordo.
ROMARÍA E SUBIDA AO MONTE CASTELO. A finais de xullo Burela sobe ao miradoiro do Monte Castelo para celebrar a súa tradicional Romaría, onde ademais de gozar dunha paraxe natural que permite a mellor vista panorámica do noso Concello, temos o mellor ambiente festivo en acampadas e xantar durante tres días. Ver facebook da Romería Monte Castelo.
FEIRA DO BONITO. Desde hai 40 anos, o porto de Burela acolle o primeiro fin de semana de agosto esta festa gastronómica que en 2019 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional. Esta é a mellor ocasión para degustar o noso príncipe azul, o bonito do norte, preparado de diferentes formas.
OSA DO MAR. O verán en Burela péchase con este festival de música alternativa que trae á vila artistas de diversos estilos, enchendo a praza do Concello durante tres días.




