Patrimonio Arquitectónico

Autoría textos: Aurelia Balseiro García

 

Segundo a Lei 5/2016 do 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia, integran este patrimonio, entre outros, os inmobles e conxuntos, obras de arquitectura e inxeniería histórica, edificios de arquitectura civil de uso público anteriores a 1926 e privados anteriores a 1803, infraestruturas e edificios portuarios.

Arquitectura relixiosa: Antiga igrexa parroquial de Santa María de Burela da Vila do Medio. Pinturas murais. Igrexa parroquial actual. Capela.

Arquitectura civil: Casa Torre de Burela de Cabo. Casa señorial de Vilar. Conxuntos históricos

A antiga igrexa parroquial de Santa María de Burela na "Vila do Medio"

A denominada igrexa de Vila do medio foi o primeiro templo parroquial de Burela, deixou de ter culto en 1962 cando se rematou de construír a moderna igrexa de Santa María, moito máis céntrica e de maiores dimensións, axeitada para as novas necesidades dunha Burela en pleno crecemento.

Está situada no coñecido barrio homónimo, unha das sementes que deron orixe á nosa vila. Actualmente ten planta rectangular e cuberta a dúas augas coa estrutura interior de madeira.

Da villa de Superato de Burela hai constancia testimonial dende o século X e no s. XII menciónase xa a existencia da igrexa de sancta Maria de Burela. Non obstante, descoñecemos a súa orixe ou fundación aínda que podería ocupar o mesmo sitio que o templo tardomedieval.

No s. XVI Pedro de Bolaño resolveu ser sepultado na “iglesia de Santa María de Vurela”. A principios do s. XVIII efectúaselle unha ampliación que engadiu unha nave lateral, segundo consta nunha inscrición onde se le: "Reedificó esta metade D. José Bolaño Osorio, patrón da parroquia...ano 1719", construíuse o presbiterio e a sancristía máis a capela do Carme quedando o conxunto arquitectónico equilibrado en planta. Tamén a fachada principal de pedra e sillería así como o campanario datan dese século, a entrada ten un arco alintelado cunha xanela encima, sobre ela a espadana con tres vans aos que se accede exteriormente para tocar as campás a través dunhas escaleiras de pedra encostadas ao muro lateral.

No interior deste ben inmoble o pavimento orixinal era a base de laxas e había dúas lápidas sepulcrais ilexibles. Tamén se conservan dúas pilas auga bendita.

Pero a parte máis senlleira está nos seus paramentos interiores, decorados con pinturas que representan escenas da vida do Señor.

Despois do abandono, a primeira restauración de todo o conxunto rematou en 1994 e recuperou esta ex igrexa parroquial que durante tantos anos presidiu a vida relixiosa do lugar sendo testemuña da devoción da xente do mar pola súa patroa, a Virxe do Carme, á que sacaban en procesión desde a igrexa ata o porto, acompañándoa con fachos e ao son das múltiples sirenas das embarcacións, para paseala despois polo mar.

Ao redor da igrexa hai un atrio cun via crucis. No s. XIX Madoz fala dun "cemiterio que se acha no atrio e en nada prexudica á saúde pública".

As pinturas

As pinturas murais que se atopan no seu interior formaban un conxunto homoxéneo e decorarían ambas as paredes laterais da igrexa. Ao levar a cabo os engadidos da ampliación, debéronse destruír outras pinturas e agora no seu lugar hai dous arcos de medio punto. Estiveron esquecidas durante moito tempo debido ao branqueado con cal ao que tamén foron sometidas moitas outras igrexas galegas a partir de finais do século XIV por razóns fundamentalmente hixiénico sanitarias.

Na análise das pinturas, obsérvase na primeira impresión a súa factura estilística medieval, desafortunadamente nun dos laterais só se pode apreciar claramente as escenas de tres paneis estando os outros tres en tal mal estado que apenas se ven algúns detalles. Son en total seis escenas da vida de Xesucristo separadas e enmarcadas cunhas cenefas de motivos xeométricos que as diferencian entre si pero forman en todo momento un conxunto homoxéneo en canto a estilo, composición, cor e argumento: A Paixón de Cristo. Son as seguintes:

• "Xesús ante o Sanedrín", figura central rodeada de soldados que podemos identificar como o proceso ao que foi sometido tras o seu prendemento.

• "A flaxelación", resultado do proceso civil e relixioso foi a flaxelación e condena á morte na cruz, nesta escena apréciase unha licenza artística dado que os soldados que flaxelan a Cristo aparecen vestidos practicamente de cortesáns renacentistas do mesmo xeito que os da escena anterior que aparecen con helmos e armas propias da mencionada época. Xesús atado a unha columna presenta no seu corpo os sinais do seu padecimento co chamado por Horacio horrible flagellum representadas de forma simple pero efectista.

• "Santas Mulleres ante o Sepulcro", aparecen tres mulleres que poden ser María Magdalena, María de Santiago e Salóme ou en lugar desta última, Xoana, flanqueadas por un mozo na cabeceira do sepulcro e un ancián aos pés que podería ser Xoán e Xosé de Arimatea.

Supoñemos que o resto dos paneis continuarían a mesma liña representando a Paixón de Cristo cunha finalidade pedagóxica elemental posto que ensinaban aos fieis que entón non sabían ler, os milagres da vida de Xesús. No outro lateral da igrexa consérvase outra escena á beira da porta principal enmarcada tamén cunha cenefa que parece representar a:

• "Xesús no Monte das Oliveiras", aparecen uns soldados da mesma factura que os de "Xesús ante o Sanedrín", que aquí dada a representación de pequenas árbores que ben puidesen ser oliveiras, tería sentido que fose o seu precedente cronolóxico, é dicir, Xesús no Monte das Oliveiras.

As cores máis utilizadas son os azuis, ocres e vermellos polo que a súa gama cromática tal como hoxe chega ata nós coas limitacións da súa mala conservación e do paso do tempo, é sinxela. O debuxo está coidado e remarcado con liñas grosas que delimitan e marcan as figuras e os contornos.

A composición das distintas escenas responde a un estudo previo, sirva como exemplo o eixo central da columna á que está atado Xesús na escena da flaxelación ou a práctica isocefalia dos personaxes na representación das Mulleres ante o Sepulcro. A perspectiva non lle interesa ao pintor cando perxudica a mellor visión e compresión do tema que plasma. Con todo, consegue crear sensación de profundidade con outros recursos.

As figuras presentan unha repousada inexpresividade común, no que atinxe ao seu tamaño respéctase sumariamente o canon humano real en todas. Ao enmarcar as escenas con cenefas de motivos xeométricos variados, quedan moi delimitadas e illadas dándolles tamén certo arcaismo.

En canto á localización das pinturas no templo, responde a criterios fundamentalmente didácticos, de forma que as escenas van por orde cronolóxica desde a entrada da igrexa cara ao altar.

Para concluír coa análise estilística recoñecemos que son obra do mesmo pintor ou mestre pola súa unidade formal e por tratarse dun conxunto homoxéneo.

A datación das pinturas da igrexa de Vila do Medio supón unha reflexión sobre todos os elementos que as compoñen dada a ausencia de documentos onde se especifique exactamente a época en que foron realizadas. García Iglesias constata a existencia dun gran número de conxuntos pictóricos murais datados arredor do 1500 con criterios absolutamente góticos e mesmo en toda a primeira metade do século XVI hai pinturas murais galegas de raíces góticas. Porén, en Galicia dos séculos XIII-XIV subsisten poucos exemplos debido sobre todo aos revocos ou repintados que se facían nas igrexas polo desgaste do tempo. Outra referencia importante para datar estas pinturas é a constatación de que a finais do S. XIV branqueáronse con cal numerosas igrexas por razóns profilácticas (evitar a propagación das pestes) e deixouse de decorar con pinturas murais primando os retablos.

Sinalamos, entón, que a pintura gótica en Galicia é relativamente abundante, que o seu medio favorito era o mural e que continuaron as súas características formais ata o S. XVI. Por iso, aínda en pinturas do S. XVI e mesmo do século S. XVII, obsérvase unha tendencia ao arcaísmo pouco acorde co estilo pictórico vixente nos grandes núcleos artísticos, e máis se se trata de focos ou pintores locais. Sen buscar paralelismos técnicos ou de execución, está clara a influencia das espléndidas pinturas da basílica de San Martiño de Mondoñedo datadas en torno ao 1500, nalgúns casos tamén enmarcadas por cenefas de motivos xeométricos e con inscricións.

A través do vestiario dos personaxes que aparecen nas pinturas tamén observamos que os traxes a base de mallas finas, faldellines e chapeus de tipo italiano que levan os homes así como os helmos e armas dos soldados son típicas do Renacemento (s. XVI). Por outra banda, na escena de Xesús ante o Sanedrín hai unhas inscricións pintadas semellantes ao alfabeto gótico de miniaturas dos séculos XV e XVI, é unha mágoa que no pequeno anaco que se conserva desta escritura non se aprecie algunha inicial que nos podería indicar unha época máis concreta segundo fose a súa ornamentación e tamaño.

Finalmente, segundo os razoamentos expostos anteriormente e dadas as súas características estilísticas, concluímos encadrando as pinturas murais da igrexa de Vila do Medio entorno ao séculos XV - XVI. Así falaríamos dun Gótico tardío que mantén esa factura arcaica/medieval tanto en composición, colorido, etc., o que dada a situación de Burela daquela, afastada dos centros artísticos galegos importantes, agás San Martiño de Mondoñedo (Foz), podería tratarse dunha mostra da perduración da pintura mural rural, aínda que o artista se basase en modelos do entorno do “mestre de Mondoñedo”.

En Burela de Cabo áchase unha capela coñecida como a de Santa Catalina que se pechou ao culto a fins do S. XVIII. Aínda pervive o topónimo de “A Capela”. Este núcleo poblacional ten orixe altomedieval.

Outro exemplo de arquitectura relixiosa sería a actual igrexa de Santa María rematada en 1962.

Arquitectura Civil

A maior parte dos edificios do patrimonio arquitectónico civil de Burela son casas familiares do século XX ás que se engaden unha antiga escola unitaria, a vella casa reitoral e unha fábrica de cerámica (factoría de Gres Burela), destacando a casa da torre en Burela de cabo e o rehabilitado pazo de Vilar.

Casa Torre situada en Burela de Cabo e casa señorial en Vilar.

No testamento dos dous irmáns Fernán Díaz de Ribadeneira e Pedro de Bolaño veñen citados estes dous edificios.

A Casa Torre pertencíalle a Fernán Díaz, mentres o pazo de Vilar era de Pedro de Bolaño. No S. XIX tense coñecemento da existencia desa casa que a seguen herdando ata que dona María Josefa Quiroga e Moscoso casada con Antonio Ribadeneira Acevedo véndea a don José Sandino Miranda, ao que sucede Ramona Miranda e Mon, que á súa vez a vende a Nicolás Díaz Sánchez.

Actualmente no mesmo lugar construíuse un edificio que só conservou o escudo, no que locen as armas da familia que deu orixe á edificación, tamén coñecida como a casa do escudo.

Debuxo de Xosé Antón García G.-Ledo (CSIC-XuGa), Biblioteca do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

Descrición do escudo:

Escudo cuartelado de Vaamonde (jaquelado) e de Parga (tres fajas). Ao timbre, coroa aberta sobre o M que forman os cabos de dous anzoles, acolados e flanqueados de sendas águias. Cronoloxía: fines do XV, inicios do XVI.

Ademais do seu valor histórico, os escudos anteriores a 1901 son bens de interese cultural e tamén se inclúen no patrimonio artístico.

Baliñas e González (2017) determinan que a casa torre ou casa forte de Burela de Cabo dátase no século XV e en orixe sería unha fortificación señorial relacionada coa poboación e coas actividades económicas do porto1.

O pazo de Vilar no século XVI era un complexo residencial e produtivo. Pedro de Bolaño e os seus descendentes foron os seus donos. No século XX os novos propietarios reconstruíron totalmente o edificio aproveitando só as paredes por atoparse o edificio en ruínas.

Conxuntos históricos

Da paisaxe histórica local existen actualmente poucas pegadas dos bens inmobles existentes nos principais núcleos da vila medieval: Burela do Cabo, Vila do Medio, Porto de Burela e Vilar que principalmente continuaron configurando deste xeito o territorio ata o s. XX. Así e todo chegaron ata nós coas transformacións do paso do tempo, os seguintes conxuntos singulares urbanos:

- O conxunto urbano formado polas vivendas sociais na Avenida da Mariña. De planta pequena, dunha ou dúas alturas, moitas adosadas, datan da década dos cincuenta do século pasado. Eran as vivendas sindicais de pescadores chamadas aínda agora “Casas baratas”.

- As antigas instalación portuarias: naves e Lonxa (s. XX); porén, o porto de Burela está documentado desde finais do s. XV dentro do marco histórico da aparición dunha serie de áreas portuarias señoriais na mariña lucense. (Baliñas, González, 2017)

- O Conxunto e edificacións da Vila do Medio, que forman un típico barrio donde se sitúa a antiga igrexa parroquial. Algunhas están datadas entre os s.s. XVIII e XIX.

- O conxunto de edificacións de Vilar, a máis antiga é do s. XVIII, atópasen tamén nun entorno rural con edificacións tradicionais.

- O conxunto de Burela do Cabo e rúa Pascual Veiga son tamén testemuñas do ambiente rural tradicional agora xa misturado con construcións máis recentes e outras alteracións urbanas.

 

Notas ao pé:

1 Baliñas Pérez, C; González Paz, C.A. (2017); Del castro al puerto: la villa de Burela y los orígenes del poblamiento medieval del litoral gallego en España Medieval. 40, pp.375-407