Visitas académicas Barco Museo Boniteiro
No marco do seu labor didáctico, centrado na difusión do patrimonio e cultura mariñeira, e de sensibilización sobre a necesidade de empregar prácticas pesqueiras sustentables, o Barco Museo Boniteiro “Raíña do Carmen” recibe visitas académicas gratuítas durante o curso escolar por parte de colexios, centros de educación secundaria e de bacharelato.
Froito deste compromiso, o Barco-Museo foi distinguido pola Unión Europea coa Bandeira Azul de Educación Ambiental e Protección dos Recursos Mariños, divulgando e poñendo en valor entre todas as persoas que o visitan artes de pesca tradicionais e artesanais como o curricán ou cacea e o cebo vivo ou tanqueo: selectivas, sostibles e respectuosas co ecosistema dos nosos mares. Artes que foron empregadas no noso barco “Virxe do Carmen” e no resto dos barcos dos portos do Cantábrico para a pesca do bonito desde os seus inicios ata a actualidade, capturando as pezas con anzol unha a unha. Tamén se explican outros métodos de pesca , prácticas e aparellos, os cales están prohibidos en España, debido ao seu impacto e agresividade coa flora e fauna dos nosos mares e océanos, pero que si se seguen a utilizar noutros países próximos.
Así, o alumnado, mentres asimila a dinámica diaria dun barco das características do “Raíña do Carmen” e como se capturan os peixes que despois atopan nas peixarías e nas súas casas, toma conciencia, aprendendo a identificar as prácticas prexudiciais a evitar no mar e adquirindo hábitos de pesca responsables.
Ademais, coñecerán datos curiosos que lles sorprenderán. Cal é o peixe máis veloz do mar, unha especie de quenlla que se pescou no barco, a diferenza de peso entre o atún e o bonito… Poderán observar e tocar o nariz dun peixe espada, que simula unha espada, a gran dentadura dun marraxo, o feto dunha tintoreira, unha especie de quenlla, de dúas cabezas, un peixe globo disecado.
As reservas de grupos (visitas escolares, excursións....) deben concertarse coa maior antelación posible. Pódense facer presencialmente na Oficina de Turismo, no teléfono 982 888 506, ou a través do correo oficinadeturismo@burela.org.





