Emocións: Terra, Mar e Aire
PRAIAS. Burela conta con excelentes areais que cada ano locen a Bandeira Azul: A Marosa e Portelo; ademais das praias de Ou Cabaliño, Ril e Ou Cantiño.
RUTAS. Destaca a Ruta do Litoral (recoñecida como Carreiro Azul, unha ruta que permite gozar de toda a nosa costa percorrendo os paseos marítimos), as Xeo-rutas de Burela (un paseo por unha das xoias da xeoloxía de Galicia), a Ruta Circular (visitando praias, paseos marítimos e zonas xeolóxicas, con ascenso ao miradoiro do Monte Castelo para gozar dunha espectacular vista panorámica da costa Cantábrica), o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico (que bordeando a impresionante costa Cantábrica galega, desde Ribadeo ata Estaca de Bares, sitúa á nosa vila mariñeira como punto de fin e inicio das etapas tres e catro respectivamente) e o Camiño do Mar (unha antiga variante costeira do Camiño do Norte, que por sorte se recuperou recentemente, que enlaza Ribadeo con San Andrés de Teixido para visitar ao santo do mesmo nome e, a continuación, enlazar co Camiño Inglés a Santiago de Compostela. Quen non coñece o dito popular "a San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo", e as múltiples lendas que rodean a esta ancestral meca de peregrinación?. A peregrinaxe por Burela transcorre pola bonita igrexa da Vila do Medio e o antigo Camiño Real a Sargadelos).
MONTE CASTELO. Desde o miradoiro pódese gozar dunha vista panorámica de toda a costa cara ao leste e o oeste do Cabo Burela.
PINTURAS MURAIS. En Burela mestúrase o moderno co tradicional, as pinturas murais do Museo de Arte ao Aire Libre, creadas a partir do ano 2017, coas pinturas murais do gótico tardío da Igrexa da Vila do Medio, datadas a finais do século XV.
E é que na nosa vila a arte estivo e está presente! Saber máis...
CASTIÑEIRO CENTENARIO. Situado nunha fermosa contorna de arboreda autóctona, atravesada polo curso do río Pomeda, atopamos un interesante castiñeiro que supera os cen anos. Saber máis...
ALFOMBRAS FLORAIS. Moitas vilas son as que crean alfombras florais para celebracións destacadas, mais as de Burela presentan unha singularidade. E é que o noso gran tapiz duns 3.600 metros cadrados cada ano ten como fío conductor unha temática distinta, que en moitos casos resulta ser do máis orixinal, afastándose das máis habituais neste tipo de representacións e facéndoo cada ano distinto, irrepetible, único.
Unha tradición que se reinventa mirando ao presente e ao futuro, pero sen esquecerse do pasado. Comics e videoxogos, popart, selos do mundo, obras de artistas mariñaos foron plasmadas para rendirlle homenaxe á Virxe do Carmen ao seu paso.
Creacións artísticas efémeras, pero cun traballo de meses detrás nos que se implica todo un pobo. Obras de gran valor, destreza e creatividade, que ben merecen unha visita que de seguro vos sorprenderá!
Estas son algunhas das temáticas ás que foron adicadas:
2019: Comics e videoxogos.
2018: Mar (25 aniversario alfombras florais)
2017: A historia (evolución)
2016: Obras de artistas mariñaos
2015: Mitoloxía
2014: Alfombras persas e mandalas
2013: Pop art
2012: Cerámica de Sargadelos
2011: Filatelia (selos de diferentes países do mundo)
2010: Ano Xacobeo
2009: Disney
2007: Oficios tradicionais
2004: Mitoloxía
O primeiro sábado de xuño é a data marcada no calendario para poder contemplalas. Para saber máis sobre estas e outras celebracións tradicionais de Burela clicar aquí
ÁREAS RECREATIVAS E DEPORTIVAS. Zona deportiva da Marosa, pavillóns, parques e áreas recreativas do Monte Castelo e de O Cantiño, con zonas para xogos e merendas.