Patrimonio Artístico

Autoría textos: Aurelia Balseiro García

 

Englobamos neste apartado patrimonial as manifestacións de obra pública escultórica e pictórica.

JUAN B. PUCHADES QUILIS (Valencia, 1934)

Este profesor e escultor, Fillo adoptivo de Mondoñedo, catedrático de debuxo e membro académico correspondiente da Academia Auriense-Mindoniense de san Rosendo, ten varias obras en Burela: dous monumentos públicos e dúas imaxes relixiosas na igrexa parroquial.

Monumento ás xentes do mar (1987).

Grupo escultórico na praza do Mariñeiro (rúa Eijo Garay). Obra encargada polo Concello de Cervo e inaugurada en 1988.

O autor quixo transmitir o traballo da xente do mar a través dun home recollendo as redes de pesca e unha muller co aparello.

En función deste encargo realizou un profundo estudo do traballo das xentes do mar tomando apuntamentos do natural nas labouras habituais que homes e mulleres realizaban a cotío, froito do cal conserva diversos bosquexos que lle serviron de inspiración para outras esculturas do mesmo tema. O propio autor quixo aunar coa técnica e a creatividade persoal o que o traballo e o esforzo desde xente lle trasmitía: forza e beleza. Asimismo, deseñou o xeito de expoñela que variou desde o proxecto inicial á realidade final, amosándose finalmente nun pedestal de granito con forma de barca da que pendura unha áncora, que eleva e magnifica a parte principal do monumento.

A escena retrata un modus vivendi: os oficios e traballos relacionados co mar, vinculado ao mesmo tempo co desenvolvemento dun pobo. Consegue comunicar unha auténtica carga emocional transmitida nese intre de amosar unha tarefa concreta, habitual daquela para a xente do mar. Este clásico tema costumista é modernizado artisticamente a través da forma, os materiais e a técnica. Así, o tema e a materia protagonizan o resultado. O emprego de chapa de ferro de diferentes grosores buscando liñas sinxelas aínda que angulosas e superpostas, os ocos, recunchos, esquinas…potencian o dinamismo e xogan tamén nesta obra co espazo e coa luz a través do modelado e da cor.

Esta obra encadraríase no expresionismo neofigurativo con reminiscencias ou paralelos na escultura contemporánea do século XX.

Alegoría ao crecemento industrial. (1994)

Situado á entrada sur de Burela.

Monumento inaugurado en 1997 e realizado con aceiro inoxidable pulido espello e aceiro cortén. Simboliza a industria que se promove con motivo da pesca.

Puchades nesta obra pública de gran tamaño realiza un desenvolvemento conceptual dun tema de encargo a través dunha composición cuxo centro é unha columna cilíndrica de aceiro, acompañada doutra de menor diámetro cun motivo de círculos truncados insertados. A súa carón unha estrutura veliforme e un remate superior calado. O monumento está sobre unha base cilíndrica que á súa vez, se encadra noutra de maior tamaño que se adapta ao desnivel do terreo.

 

San Xoán Bautista (1962) e San Cristovo

Tallas en madeira, a primeira de tamaño natural, realizadas para a igrexa parroquial de Burela na década dos sesenta do século pasado. Figuración realista seguindo a clásica iconografía destes santos e rememorando a temperá formación do autor na imaxinería relixiosa tradicional.

NEIRA BROCHS (Viveiro, 1941)

Este creador multidisciplinar con obra pictórica no Museo Nacional de Arte Reina Sofía, é un artista prolífico con obra espallada por toda España. O seu dominio da técnica e da materia así como da composición a mediana e gran escala fai que poida misturar e traballar en murais escultóricos ou pintados, escultura, pintura ou vidreiras.

Dentro da súa produción escultórica tamén se aprecia unha característica neofiguración expresionista seguindo o ronsel da pintura e da obra gráfica. Os seus murais escultóricos utilizan materiais como formigón, vidro, ferro, cerámicos… e tamén reflicten o seu universo creativo aínda que sexan obra de encargo como os realizados en Viveiro, Lugo, Coruña, Ferrol, Ribadeo, Madrid… e en Burela para a Casa da Cultura na fachada que da á praza da Mariña.

Mural cerámico.

Este mural xestouse en 1994 e representa a mariñeiros en faena con tres figuras principais en pleno esforzo cos remos e aparellos, coa tensión e a concentración que require o seu duro traballo. A escenificación consigue a máxima expresividade e dramatismo a través da composición, da tensión postural dos persoeiros e do realismo das cores, de tal xeito que incluso a incorporación do cartel co nome da praza e a data da inauguración do monumento, non lle resta ningún ápice de realismo e beleza ao conxunto representado.

Os materiais utilizados son arxila refractaria modelada con esmaltes silicatados e vidro nunha superficie de catro metros cadrados.

O autor nesta obra tamén pretende homenaxear e visibilizar a historia do traballo da xente do mar en Burela nunha data que conmemora o día internacional dos traballadores.

Así mesmo, ten outra obra pública e privada en Burela da que destacaremos a realizada para a Capela da Nosa Señora das Marabillas, situada na área recreativa-mirador de Monte Castelo.

A Comunidade de montes encargoulle en 2003 un proxecto para o interior desta capela. Da autoría de Neira Brocha son a escultura cerámica con dous anxos adorando o símbolo mariano na parte superior do presbiterio no altar, varias vidreiras, unha de formigón, ao xeito dun mural-vidreira que inclúe motivos relacionados coa virxe: azucenas, estrelas… e noutras dúas escenas en relevo representadas a cada lado, alude aos traballos da xente no mar e na terra respectivamente, en homenaxe ao pobo de Burela. Este espléndido mural separa o altar da sancristía.