Burela Labrega

Autoría: Herminia Pernas Oroza.

 

BURELA: cando o mar se asombrou de ver tanto casarío mariñeiro

É moi difícil facer a distinción en Galicia entre o rural e o urbano, tanto é así que os historiadores falan de cidades de labregos e hortas de obreiros. Pensemos por exemplo na capital de Galicia, Santiago de Compostela ou en Mondoñedo; nas dúas cidades as feiras periódicas celebrábanse na Alameda, e os carros de bois podían verse “aparcados” nas rúas máis céntricas; sen esquecer o estreito contacto que a poboación rural mantiña coa urbana, plasmado no ir e vin cotián dos campesiños para vender os seus produtos (leite e produtos de horta), do que resultaba un tráfico comercial moi importante cuxa interrupción ou corte deixaba á cidade desabastecida de víveres.
 
¿E que pasa cos animais? ¿hai ou non hai gando nas cidades? Si que o hai, e sobre todo o porco, considerado como o recurso económico máis importante do labrego: o  cocho que foza polo curral en amigable camaradería coas galiñas. Un porco é unha pequena fortuna porque todo nel é aproveitable. Pero non é só privativo do medio rural senón que a comezos do século XX a abundancia de porcos era unha característica da cidade de Santiago (non atopable en ningún outro lugar), segundo deixou constancia a inglesa Annette Meakin (quen en 1908 viaxou por Galicia e deixou constancia das súas impresións nun libro célebre no seu xénero –libros de viaxes- publicado en 1909 e titulado Galicia, la Suíza española ou Galicia, the Switzerland of Spain).

Viven entre nós, mesmo nas nosas mellores rúas. Hai agora dous porcos vivindo cunha familia no segundo andar na rúa principal da cidade, preto das nosas mellores tendas; un delgado tabique separa o seu sitio pola noite do dormitorio dos nenos. As nosas rúas están cheas de porcos; é terrible. Cando lle mencionei o asunto á dona da pensión, ela contestou: si, é bastante certo; pero temos outros animais a parte dos porcos: no segundo piso da casa que vostede ve dende a vosa xanela hai dúas cabuxas novas como membros da familia.

Entón, se non podemos diferenciar claramente o medio urbano do rural, xa non nos estraña atopar casas de labranza no medio rural costeiro, xurdindo pois a pregunta de si Burela é labrega ou mariñeira.

No noso caso hai que contestar que primeiro foi a terra e logo o mar. O segundo pediulle á primeira medios para poder prosperar, a terra deullos e Burela progresou. O mar levantou Burela pero a base da súa riqueza hai que buscala na terra: a mediados do século XIX cultivábase trigo, centeo, millo, fabas, liño, cáñamo, cebada, patacas, legumes e un pouco de viño (este último ata que a filoxera secou todas as cepas a partir de 1870). Destacaba tamén o gando vacún e o cabalar cruzado, e por último, algunhas colmeas. Había tamén dous muíños e moitos teares nos que se elaboraba lenzo, estopa, sayal, picote e mantelería.

En 1898 a parroquia de Burela contaba con 619 habitantes dos que o padrón municipal do devandito ano recolle as profesións do cabeza de familia, que son: 103 xornaleiros, 48 labregos, e 6 mariñeiros.

Outro inglés, F.G. Aubrey Bell, di así no seu libro de viaxe (Galicia vista por un inglés, 1ª edición en 1922):

É o mar o que lle da un carácter máxico ó paseo deica a Viveiro (desde Ribadeo) no pequeno autobús do que se fai cargo, sorrindo aínda, o Repatriado (un nome que se lle deu cando volveu de Cuba, como se fose o único emigrante que retornou), despois de que o autobús xubilase a súa dilixencia tras vinte anos de servizo. Pásase axiña Foz coa súa ría preciosa e pequena de Cangas, a través de campos de millo e piñeirais, á dereita preciosas enseadas de area e cons e un mar de neve e turquesa con pequenos illotes de rocha negra. Despois veñen as vilas de Cervo e Xove e a vila pesqueira de Celeiro, grande e gris (…)” .1

Falaba este autor inglés de campos de millo a comezos do século XX, e así continuaron ata mediados de século: os milleirais chegaban ata a ribeira, as casas dos mariñeiros eran casaríos de labregos, as lanchas adoitaban durmir debaixo dos hórreos, e incluso a mesma man que preparaba as redes facía tamén o suco co arado.

En palabras do noso Cunqueiro, a vaca muxe cando o amo se fai ao mar, e o pitido da motora saúda ao millo exuberante, pai da boroa, compañeira logo da sardiña, que por San Xoán molla o pan. E o mariñeiro que vai ao mar, sente o seu orgullo campesiño cando canta este cantar:

Anque che son mariñeiro,
Anque che son mariñán,
Anque che son mariñeiro,
Levo a aguillada na man.

Como en tempo de invernía non se podía saír ao mar, todos os mariñeiros e tamén os armadores, traballaban a terra e tiñan un certo número de cabezas de gando. Moitos dedicábanse a cavar os cepeiros dos pinos para convertilos en cachelas, é dicir, sacábase leña de debaixo da terra porque doutra non había. Daquela, o monte escaseaba a favor do labradío e a leña precisábase para queimar.

Case todo o mundo tiña unha pequena horta ao pe da casa, e era normal que se labrasen entre 25 e 30 ferrados, ben alleos ou a metade ou lago menos, da casa. Partindo deste suposto, á altura de 1931 había que distinguir nesta parroquia, entre:

  1. Facendados ou rendistas: Ramón Basanta, Basilio Gómez, Ramón Baltar e Bautista Casariego.
  2. Labregos importantes que labraban as terras de seu: Manuel García, José Río e Ramón Vispo.
  3. Labregos importantes pero menos, porque non todas as terras que cultivaban eran da súa propiedade: Ramón Castro, Vicente Oroza...
  4. Logo estaban os labregos a secas
  5. E xa por último, os chamados bodegueiros ou caseteiros, xornaleiros agrícolas, sen nada de seu e coa obriga de traballar como obreiros do campo alí onde eran requiridos.

Cómpre agora a descrición dunha casa de labranza burelá, situada na Vila do Medio, polo tanto, no medio rural costeiro, como así o demostraba a profesión do cabeza de familia: rulero. Sen embargo, estaba enclavada moi lonxe do porto, na parte máis alta da parroquia e a poucos metros do monte. Contaba a casa con tres altos, na planta baixa estaban as cortes, separadas por unha porta da cociña; no piso principal dispoñíanse os cuartos, abertos a un espazo central que facía de comedor, e no piso superior, o faiado. Entre as construcións adxectivas figuraban o forno, un hórreo, un pendello para gardar o carro e os demais apeiros de labranza, un pozo e a aira onde se mallaba. A facenda estaba composta por catro vacas, dous porcos, dúas ovellas e unha burra, ademais do gando miúdo: galiñas, pitos e coellos, todos ao coidado do can palleirán que nunca faltou na casa.

Artigo publicado en “EL Progreso” en 2011:

A ROMARÍA DO MONTE CASTELO COMO LEMBRANZA DA BURELA AGRÍCOLA E GANDEIRA

 Por todos é coñecido o significado da palabra romería así que non imos deternos nesta cuestión senón no contido histórico que garda esta nosa romería e que enlaza cunha Burela que foi labrega antes de ser mariñeira. O mar levantou esta vila pero a base da súa riqueza hai que buscala na terra. Por iso non é estraño que abondasen as casas de labranza nun medio rural costeiro e que os nosos mariñeiros souberan manexar igual de ben tanto as redes como o arado e a aguillada.

A comezos do século XX, un viaxeiro inglés (F.G. Aubrey Bell) escribiu no seu libro de viaxe, acerca desta zona, que abundaban os campos de millo e os piñeiros, chegando ata a mesma ribeira. Millo, centeo e nabos constituían a tríada protagonista do agro burelao no século XVIII. O trigo tampouco era descoñecido e foi gañando terras aos poucos. Outro lugar destacado ocupábao o viñedo, pero a produción decae no século XIX debido á enfermidade da filoxera, que secou practicamente todas as cepas da comarca viveirense cara a 1870. Pola contra, as patacas foron as grandes esquecidas polos campesiños ao longo do século XVIII e a causa foi que nas parroquias litorais predominaba a rotación ternaria arriba sinalada, e as patacas, en caso de entrar, terían que desprazar a un cereal, de aí, a escasa atención que se lles prestou.

Labregos e mariñeiros posuían un calendario de seu: o trigo e o centeo labrábanse entre os meses de novembro e xaneiro, e as patacas en marzo e abril; o millo e as fabas botábanse polo San Isidro mentres que a chegada do verán significaba sega, recolleita de patacas e mallas. Polo San Bartolo plantábanse os nabos e no outono collíase o millo. As mellores terras reservábanse para o trigo mentres que as máis pobres quedaban para as patacas; pero todas se abonaban coa olga da ribeira, carretada a cestos desde Portelo e Ril.

Falar do termo labrego non é doado porque agocha no seu interior unha gran diversidade: nos anos trinta do pasado século distinguíanse nesta parroquia, rendistas (Ramón Basanta, Basilio Gómez, Ramón Baltar e Bautista Casariego) labregos importantes que labraban as súas propias terras (Manuel García, José Río e Ramón Vispo), labregos importantes pero menos porque non todas as terras que cultivaban eran da súa propiedade (Ramón Castro, Vicente Oroza), logo viñan os labregos que pagaban rendas e por último, os chamados bodegueiros ou caseteiros, que traballaban nas casas dos labregos fortes.

Pero non hai labrego sen gando e nesta zona litoral predominaba a gandaría orientada ao traballo: ás veces o campesiño está sen vacas pero non sen bois. Todos eles eran alimentados durante o inverno a base de nabos, avea e palla e no verán alindábanse (tarefa de rapaces) polos cómaros das terras, pola beiramar (“Figueira Mariña”, “Chao de Castro”, “Pena Guieira”) ou no monte (“Chao do monte Castelo”). Ao Castelo subían os labregos coller o estrume para o gando, e logo cunhas barandas facían un “rastro” amarrándoas unhas ás outras para colocalo encima e arrastralo monte abaixo ata o chao onde agardaba o carro ou o burro para o seu transporte.

Cómpre rematar referíndonos á relixiosidade labrega, quen aparte de posuír o seu propio santoral (San Antonio Abad, San Isidro) tamén tiñan a súa representación nas festas patronais. Antigamente, os portadores de San Xoán na procesión eran os labregos mentres que os mariñeiros levaban á Virxe do Carme.

 

 


1  A.F.G. Bell, Galicia vista por un inglés, Galaxia, Vigo, 1944 (1ª edición en 1922), pp. 70-71.