Burela: Un pobo que só sabe traballar

Autoría: Herminia Pernas Oroza.

 

Escrito quedou e falado tamén, que a palabra que mellor define aos nosos antergos burelaos é a de “traballadores” onde os haxa. É inútil buscar en Burela apelidos que agochen un pasado señorial nin tampouco unha certa cultura e/ou sociabilidade urbana e vilega. Os nosos avós nunca saíron ao paseo vespertino, nin foron ao teatro nin ao casino e menos aínda se lles ocorreu formar asociacións recreativo-culturais, orfeóns ou bandas de música como sucedeu noutros lugares veciños. Só entendían de mutuas gandeiras e de Pósitos mariñeiros, e para divertirse abondaban os gaiteiros e as murgas.

O pobo medraba e o traballo tamén e enseguida o ofreceron a quen quixese establecerse nel para formar parte da súa historia. Aos poucos, foi chegando xente, tanta, que hoxe en día faise difícil atopar a alguén que sexa, como adoita dicirse, “de Burela Burela”. Envoltos neste incesante progreso burelao, locais e foráneos esqueceron ou non souberon entender a propia historia de Burela, á que sacrificaron en pro do progreso. Como dirían os máis pragmáticos, “nada é de balde”.

¿Onde quedou pois a nosa Historia?. O falar non ten cancelas e tense dito que Burela como pobo novo que é carece de historia. Valente parvada pero moi válida para a economía e o progreso. Non cumpría pensar na Historia porque iso non daba de comer e ademais, había que avanzar conforme aos tempos. O progreso socio-económico de Burela é evidente pero foi duro e incompleto. “A Nosa Señora de ferro” parafraseando o coñecido poema de Curros Enríquez, non chegou a estes lares ata 1968, noventa e cinco anos máis tarde da chegada do ferrocarril a Galicia. Aí é nada.

Instalados nos “tempos modernos”, chegou o momento de mirar cara o pasado e as causas foron varias: algo que ofrecer aos turistas, sacar á luz os elementos que configuraron o pobo, as modas “revival” que veñen e van, e tamén –por que non- o propio desexo de coñecer a nosa propia historia nos seus diferentes ámbitos e períodos. Editáronse panfletos, libros e revistas. Burela tiña Historia e era necesario dala a coñecer.

Pero o peor foi pasar da teoría á práctica: ¿onde están ou din que están todos eses lugares e obras de interese dos que falan os libros?. Estiveron aí e algúns aínda están pero por unha mala xestión non souberon recuperarse e acabaron por fenecer sen que puidéramos sacar partido dos mesmos como fan noutros lugares, nacionais e estranxeiros. ¿Démoslle pois, as costas a nosa Historia? Inconscientemente si. Non foi cuestión de elixir entre o progreso e o pasado, senón falta de habilidade para compaxinar as dúas cousas. Eis algún exemplo:

O castro marítimo situado na parte extrema do cabo, que nos deixou a arracada e o torques, e ao que desde hai uns anos, ven rendéndoselle culto a través da “Festa Castrexa”. Do castro pasouse a unha “vila” romanizada (hai que destacar o achádego dunha terma de época romana na zona de Castrelo) convertida en época medieval nunha freguesía rural que ata o século XVII estivo baixo xurisdición eclesiástica, pasando logo a ser señorial. Destacaban neste período o Pazo de Vilar e a Casa-Torre de Burela de Cabo, da que só se conserva o escudo, mentres que a actividade económica máis importante desde a Idade Media e ata comezos do século XVIII foi a “caza de baleas”, da que hoxe en día non hai indicio ningún.

Pouco se sabe tamén da Burela campesiña e gandeira, aínda que a romaría do Monte Castelo pretende ser unha especie de homenaxe a estas actividades, entre as que destacou por un lado o viñedo e polo outro a rotación de trigo, centeo, nabos e millo, chegando as patacas moi tarde (no século XIX). En canto á gandaría, nestas parroquias litorais dábase unha gandaría orientada ao traballo na que predominaban os bois. Tamén era importante a produción de liño chegando a ser moi abundantes os teares.

E se agora nos pasamos á Burela mariñeira, cómpre reivindicar o papel da pesca da lagosta, que adquiriu o seu protagonismo a finais do século XIX. Sen embargo, lagostas e balandros quedaron esquecidos pola gran tríada dominante nas nosas pesquerías: sardiña, bonito e merluza. A Historia da Burela mariñeira é coñecida pero aínda se debe seguir avanzando na mesma.

E por último pero non por iso menos importante, está a área xeolóxica de Castrelo, un dos espazos máis interesantes da Península Ibérica por ser o lugar de confluencia da rasa cantábrica (cuarcitas) e do batolito de San Cibrao (granito), enxalzado en campañas turísticas e educativas para divulgar a nosa riqueza xeolóxica incluso mediante publicacións.

¿Ten logo Burela historia?, claro que si; e a pobre loita por facerse un oco entre nós, que porfiamos en considerala a parente pobre das nosas áreas de atención burelá.