BURELA-IN
BURELA-IN
O principal obxectivo do proxecto BURELA-IN é o de promover a integración social, contribuíndo a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira. Para isto, fomentamos ao longo de dúas anualidades a colaboración entre o sector pesqueiro, entidades de inclusión e concello, deseñando un proxecto de economía circular que se centra no aproveitamento de recursos ou refugallos das actividades pesqueiras dándolles unha segunda vida.
Todas as accións realizadas no marco desta iniciativa financiada polo Galp Mariña-Ortegal, ao abeiro do Proxecto Tanza, cumpriron coa pretensión inicial de favorecer o traballo en rede e a integración social, a nivel municipal e tamén provincial, das confrarías e outras entidades do sector pesqueiro coas entidades de inclusión e outros colectivos sociais, culturais e ambientais, deseñando diferentes programas e actividades nas que se perseguiu a valorización dos recursos e os refugallos derivados das actividades do mar e a concienciación ao sector e á sociedade en xeral, da necesidade de respectar o medio ambiente mariño e costeiro.
Actividades do proxecto Burela-IN
Ao longo das dúas últimas anualidades o proxecto Burela-IN foi medrando e promovendo distintas actividades coa implicación do tecido asociativo e pesqueiro.
No ano 2021 puxéronse en práctica obradoiros coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación provincial a través da deseñadora galega Raquel Sousa, encargada de impartir formación a monitores/as e usuarios/as da Fundación Eu Son e da Asociación Saúde Mental A Mariña para o deseño de novos produtos que enriqueceron os seus obradoiros de traballo.
Co propósito de traballar nun dos eixos fundamentais do Burela-IN en canto á concienciación social e o activismo medioambiental, tamén se realizaron recollidas de lixo en varias praias da Mariña da man de A Mariña Sen Plástico e coa participación das entidades sociais.
A comezos deste ano 2022, o proxecto continuou avanzando coa publicación das bases reguladoras do concurso para a creación dun mural sobre a antiga conserveira, situado na entrada do porto de Burela. Para iso, foi preciso rehabilitar este muro cedido pola Confraría de pescadores.
Paralelamente, promoveuse unha xornada para artistas neste lugar, na antiga fábrica de gres e xunto coas redeiras Cabo Burela, onde se puideron ver os distintos materiais para empregar nesta futura creación.
Finalmente, o boceto dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao foi o seleccionado. Os gañadores do Burela-IN realizaron coa colaboración das entidades de inclusión social da vila o mural nomeado “Burela, o mar e as súas xentes” con pezas da antiga fábrica de Gres, unha homenaxe ás mulleres do mar sobre os mesmos restos da antiga conserveira: peixeiras, redeiras e conserveiras representando o seu imprescindible papel no desenvolvemento da Burela industrial vinculada ao mar. Tradición, vangarda, arte, inclusión, cultura, mar, pesca e cerámica.
Polo tanto, nesta segunda anualidade do proxecto Burela-IN establecéronse dúas liñas de traballo, por unha banda a rehabilitación do muro da antiga conserveira e a creación do mural, e por outra, unha mostra itinerante coordinada por A Mariña Sen Plástico. Nesta última acción, colaboraron Afan, Fundación Eu Son e Asociación Saúde Mental A Mariña, coa selección e clasificación dos distintos materiais e a elaboración dos paneis.
A finais do mes de setembro de 2022 conclúe o Burela-IN, un proxecto que promoveu a economía circular na localidade coa imprescindible colaboración e implicación das entidades de inclusión social, sector pesqueiro e Concello de Burela.
Para finalizar esta iniciativa, organízase unha xornada de clausura na que poñer en valor as accións desenvoltas ao longo destes dous últimos anos, así como a contribución de todas as persoas e entidades participantes.
Contando coa asistencia da veciñanza, autoridades de organismos colaboradores e financiadores, e asociacións, realízase unha mesa redonda, “Burela Inclusiva e Innovadora: un percorrido polas actividades do proxecto”, coa presenza do Concello de Burela, entidades de inclusión social, A Mariña Sen Plástico e a Asociación de Redeiras Cabo Burela.
Proxéctase nesta xornada final o vídeo resumo, e realízase unha visita á mostra itinerante realizada por A Mariña Sen Plástico, unha exposición que ten como obxectivo a aprendizaxe social sobre os distintos tipos de lixo, a súa procedencia e concienciar sobre a grave problemática de que rematen no mar.
Finalmente, as e os asistentes desprázanse á obra de arte mural realizada por Belén Mogo e Martín Lestao.
Agradecementos
Desde o Concello de Burela, nomeadamente desde a concellería de Servizos Sociais e Mar, agradecen todo o traballo realizado ás entidades participantes, á fundación Eu Son, á Asociación Saúde Mental A Mariña, a Afan, A Mariña Sen Plástico, ás Redeiras de Cabo Burela, ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, á Asociación Tá en Artes, a Neira Brochs, á Confraría de Pescadores, á Fundación Expomar, aos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, á consellería do Mar e ao Galp Mariña-Ortegal.
Vídeo resumo: https://www.youtube.com/watch?v=ca5aKBDqWFs