Cabo Burela, unha punta, unha pedra, un pobo

Autoría: Herminia Pernas Oroza.

 

Eis o cabo, debidamente marcado para que non haxa xustificación posible da súa ignorancia, tanto por parte de locais como de foráneos. Non podemos presumir de que sexa o punto máis occidental da península Ibérica (esa honra perténcelle ao cabo Touriñán) nin tampouco o máis oriental (cabo Creus) nin posiblemente se atope entre os cabos máis importantes de España ou de Galicia pero, nun alarde de nacionalismo ou mellor dito de provincialismo, diremos que figura entre os cabos máis coñecidos da provincia de Lugo, tales son, aparte do noso: Punta Socastro no concello de Vicedo, Punta Roncadoira e cabo Morás no concello de Xove e o cabo de San Ciprián no veciño concello de Cervo.

Co nome de Cabo Burela ou Burela de Cabo figura en todos os mapas e cartas náuticas, dando o seu nome ao pobo. Tamén é coñecido como “a punta do Cabo”; e en canto ao de ser unha pedra, en puridade, trátase máis ben dun conxunto de rochas porque a PEDRA con maiúscula é a pedra do faro, unha zona rochosa onde as ondas rompen con especial virulencia durante a invernía.

Pero volvendo ao noso cabo Burela, cómpre deixar claro que non nos saíu nada mariñeiro pero si moi labrego. A explicación é sinxela: para os mariñeiros non valía como referencia. Cando estes entraban en Burela vindo do oeste non podían perder de vista o faro de San Ciprián para non chocar coa “Pedra” mentres esta non tivo luz (é sabido que o faro de Burela non é realmente un faro senón unha marca cardinal que funciona como baliza luminosa para indicar ás embarcacións que deben pasar ao leste da mesma).

Mais, algunha función tiña que desempeñar, e parece ser moi certa a que tradicionalmente se lle atribúe, tal é a de dividir a auga: cando chove do Sur, ou sexa do cabo, chove en San Ciprián e en Burela non; e no caso de que vente: “vento do cabo a noite quedado”.

Englobado nun entorno castrexo costeiro, foi muda testemuña de cando Burela era máis labrega que mariñeira e os labradíos chegaban ata a mesma ribeira. No Cabo alindaban os rapaces as súas vacas, e ao amparo das súas pedras abrigábanse cando chovía e facían o lume.

Os nenos burelaos tiñan perfectamente delimitada a contorna; como todo estaba labrado ata a beira do mar, había que alindar as vacas pola ribeira: os da Vila do Medio andaban desde Ril ata a Figueira Mariña; os de Vilar levaban o seu gando desde a Marosa ata Ril; os do Porto movíanse entre o propio porto e a Figueira Mariña; e finalmente, os de Burela de Cabo apacentaban a súa facenda pola Areoura e o Cantiño.

Está claro entón que o Cabo “pertencía” aos da Vila do Medio, quen cando a fame aguzaba (e por desgraza isto ocorría moitas veces) e como bos descendentes que eran da prehistórica “Cultura dos Concheiros”, baixaban ata a ribeira para coller lámparos axudándose cunha pedra de punta (na Prehistoria era bifaces) que logo levaban dentro das zocas e nas mans os rapaces e nas mangas das chaquetas e nos mandís as rapazas. Ao subiren para o Cabo, outros xa tiñan xuntado toxos para prenderlles lume. Coa calor os lámparos soltábanse e quedaban limpiños. Comían por veces porque non podían descoidar aos animais; pero aínda así, a un neno caeulle unha vaca na ribeira chamada “Area das cabras” (ao facer a estrada quedou inutilizada por carecer dunha vía de acceso). ¡Meu Deus, o que significaba para un labrego perder unha vaca! e que tan ben reflectiu Castelao. Por sorte, estaba marea chea e entre todos foron quen de subir a vaca, que so sufriu mancaduras sen importancia.

Contaba así mesmo o Cabo cun “carreiro” que acababa na devandita “Area das Cabras” por onde pasaban os pescadores cando pescaban desde Terra, e a través do mesmo baixábase ata unha ronca pequena onde aniñaban as grallas de pico vermello e había moi bo camarón. A lenda dicía que se trataba dunha cova moi longa que chegaba ata as instalacións de ECESA e o camposanto pero era só froito da imaxinación dos nenos que a utilizaban para medir a súa valentía.