Sabores: Gastronomía

Es amante da gastronomía e do sabor a mar? Se é así, Burela é o teu sitio.

 

Da lonxa ás nosas mesas

O noso porto é un dos máis afamados e punteiros do Cantábrico, situando á nosa lonxa entre as de maior volume de vendas de Galicia, xunto coas da Coruña, Vigo e Ribeira, sendo a líder en comercialización de Bonito do Norte, Pescada do Pincho e cabala. Pero Burela non só é bonito, pescada e cabala, poxándose en total máis de cen especies diarias entre peixe e marisco galego. Así, o seu nivel de actividade e a gran variedade que ofrece, permite aos nosos restaurantes dispoñer dos mellores produtos do mar frescos, do día.

Pescada do Pincho de Burela, o líder entre o noso peixe branco

Pescada con anzol de forma totalmente sostible, é un produto de máxima calidade. Sa, recomendable e saborosa, para a nosa sorte pódese atopar fresca durante todo o ano.

Bonito de Burela, o noso Bonito do Norte

Do mesmo xeito que a Pescada do Pincho, o Bonito do Norte captúrase un a un, o que posibilita a selección dos exemplares, descartando aqueles non aptos. Unha pesca selectiva e respectuosa cos ecosistemas mariños.

Tradicionalmente, a costeira do bonito comeza a principios de xuño, e esténdese durante todo o verán, converténdose no protagonista imprescindible nas nosas mesas.

Chegou a quenda de degustar Bonito de Burela fresco, tanto nas súas preparacións tradicionais (á prancha, en rolo…) como nas máis modernas e creativas.

As conservas de Bonito de Burela, un produto gastronómico local de máxima calidade

É costume nas casas da nosa vila mariñeira embotar o Bonito de Burela en aceite de oliva durante a costeira, o que nos permitiu gozar do exquisito sabor deste túnido durante todo o ano.

Tanto no ámbito familiar como empresarial existe unha certa tradición conserveira. No pasado asentáronse conserveiras na localidade, como a asturiana Bravo, xa desaparecida. Actualmente, en Burela e arredores podemos atopar conserveiras artesanais, abastecendo ás peixarías e establecementos de alimentación dun manxar que foi capturado coa arte do curricán ou cacea, unha arte de pesca respectuosa cos fondos mariños.

Algunhas conserveiras apostan tamén por fórmulas innovadoras, e ofrecen cociña artesanal en conserva na que o Bonito de Burela é o protagonista, ademais de orixinais combinacións de paté de bonito con outros sabores. Albóndegas de Bonito de Burela en salsa, Marmitako de Bonito de Burela, Bonito de Burela en salsa de tomate, paté de Bonito de Burela e paté de Bonito de Burela con mexillón son algunhas das súas propostas.

Todo un deleite para locais e visitantes!

Feira do Bonito, de Interese Turístico Nacional

A Feira do Bonito, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, celébrase cada agosto, o primeiro sábado do mes. É unha feira de exaltación do Bonito de Burela, cuxa degustación, amenizada pola música de gaitas, ten lugar nunha carpa instalada no peirao.

As racións de bonito preséntanse en distintas elaboracións: en empanada, cocido e asado á grella. Pola noite é a quenda dos concertos de música.

Paralelamente, ten lugar na nave de redes a mostra Produart, organizada pola Fundación Expomar, de produtos ecolóxicos e artesáns, na cal teñen cabida mesas redondas, proxeccións e exposicións de temática ambiental e ecoloxista.

Xornadas gastronómicas e tapas

A hostalería local ofrece ao longo do ano xornadas de degustación de produtos locais. Ademais, aquí é costume saír de viños e tapeo, e con cada consumición é habitual que che ofrezan de balde unha tapa quente e/ou petiscos para acompañala.

 

Ven a visitarnos, e empápate de mar, do seu cheiro e o seu sabor.