Burela, de Parroquia a Concello

Autoría: Herminia Pernas Oroza.

A cuestión municipal xerou un intensísimo debate durante todo o século XIX; dándose as primeiras medidas relativas ao réxime local durante as Cortes de Cádiz, en senllos decretos de 1812 e 1813.

En 1835 publicouse unha nova lista de concellos da provincia de Lugo, na que aparecía a parroquia de Santa María de Burela incluída dentro do concello de Nois. Pero foi por pouco tempo, xa que a partir de 1840 pasou a pertencer ao concello de Cervo, no que se mantivo como freguesía ata 1994.

Con todo, a súa historia como concello propio empezou a xestarse moito antes: a comezos dos anos setenta do pasado século, cando se tramitou o expediente de cambio de nome e capitalidade do municipio, así como a construción en Burela da Casa do concello.

Dez anos máis tarde, o expediente aínda non se había resolvido polo que esa proposta foi sometida a votación en pleno municipal (11 de febreiro de 1983) a fin de axilizar unha pronta e favorable resolución do devandito expediente. Contrariamente ao esperado, a resposta plenaria non deu lugar a ningún cambio ao non lograrse o voto favorable das dúas terceiras partes dos concelleiros.

Outro intento de cambio xurdiu da rede de asociacións veciñal. Numerosas asociacións manifestaron a súa adhesión a esta petición á vez que se mostraron contrarias á construción do actual Consistorio en Cervo. Enseguida se intensificaron as peticións de segregación da parroquia de Burela polo que pasou a xestionarse o cambio de nome do concello de Cervo polo de Burela.

As asociacións locais manifestaron o seu unánime apoio a esta proposta, pero non así os partidos políticos representados no goberno local, a quen se pediu –sen moito éxito- que incluísen nos seus programas electorais o cambio de nome do Concello.

Ao non prosperar a iniciativa do cambio de denominación, aprobouse mediante reunión asemblearia de veciños, celebrada o día 30 de maio de 1992, a proposta de segregación.

Na mesma, acordouse tamén constituír a Comisión Xestora de Seguimento, que tería que encargarse dos trámites para a creación do novo concello.

A partir dese momento, os acontecementos sucédense sen pausa ata que o 10 de decembro de 1993, preséntase no Concello de Cervo o expediente de segregación de Burela. O 25 de marzo de 1994 trátase no Concello e posteriormente é remitido á Xunta de Galicia, institución que o día 15 de decembro de 1994 emite un decreto polo que se aproba a segregación da parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo.

O día 1 de xaneiro de 1995 constituíase a Comisión Xestora do recentemente creado Concello, co obxectivo de rexelo ata as próximas eleccións municipais, que se celebraron catro meses máis tarde.