Patrimonio Cultural Inmaterial

Autoría texto: Aurelia Balseiro García

 

A lei do Patrimonio Cultural de Galicia, (5/2016 do 4 de maio) asume as determinacións da Convención para Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Considéranse bens do patrimonio cultural inmaterial para os efectos devandita lei:

a) Os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e en particular:

1. A lingua como vehículo do patrimonio cultural inmaterial, regulada pola súa normativa específica.

2. As tradicións e expresións orais.

3. A toponimia.

4. As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes.

5. Os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

6. Os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo.

7. As técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

b) O legado das figuras históricas singulares na configuración da identidade cultural de Galicia, independentemente dos dereitos de propiedade intelectual. Os efectos da declaración estenderanse ás súas creacións cando a autoría quede debidamente acreditada.

“O patrimonio inmaterial está constituído polo conxunto dos usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos cultural que lles son inherentes, que as comunidades ou mesmo os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Entre elas, as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos”.

 


Autoría texto: Herminia Pernas Oroza

ANTIGAS LENDAS DA BURELA MARIÑEIRA


 

No mundo do mar os termos “devoción” e “superstición” sempre camiñaron xuntos, e ata hai veces que custa diferencialos. Os mariñeiros encoméndanse á Virxe do Carme pero por se acaso, ninguén se fai ao mar sen levar unha presa de ortigas ou allos para espantar ás meigas. Teñen vedados os martes e tamén o día 13 (os calendarios mariñeiros en vez desta cifra poñen unha áncora), tendo por días propicios para saír a faenar os luns, xoves e sábados.

Era costume antiga que o primeiro día da costeira, tres ou catro mariñeiros tirasen pedras desde a proa do barco, á altura da pena Burela, co propósito de espantar ás meigas. Tamén crían no “mal de ollo” porque se de camiño para o barco coincidían con determinados fregueses, entón daban media volta e ese día non saían faenar. E se a persoa atopada fose un cura, entón obraban da mesma maneira.

Entre os obxectos prohibidos nos barcos figuraba o paraugas; e entre os animais, o raposo. Cóntase que os mariñeiros dunha lancha que andaba ao chicharro, por facerlle unha broma ao patrón, colleron un raposo e agochárono a bordo. Coincidiu que ese día tiveron moi boa pesca e cando ao remate da xornada, lle amosaron o animal ao patrón, este non daba creto.

A cultura mariñeira (e tamén a campesiña) reacciona contra o “mal” empregando elementos vexetais e a auga. Por exemplo, con motivo da celebración das festas patronais, os barcos eran engalanados desde o pau de proa ata o de popa, con ortigas, cardos e follas de nogueira. E coa auga bendícense persoas, animais, leiras, lanchas e aparellos; atemorizábase así ao inimigo e de paso, escorrentábase ao demo.

Mariñeiros se contaban asimesmo, entre a xente que velaba toda a noite do Xoves Santo na igrexa, fieis a unha antiga tradición que o bispado de Mondoñedo acabou suprimindo.

Eis dúas lendas que serven para ilustrar a peculiar devoción mariñeira.

Esta historia aconteceu en Burela a finais do século XIX, cando a pesca da lagosta estaba en pleno apoxeo nos portos do Cantábrico, chegando a pagarse por cada peza viva, un mínimo de cinco reais.

Á lagosta dedicábanse os protagonistas da mesma, cinco mariñeiros, cuxas idades oscilaban entre os dezasete anos do máis mociño e os vinte seis do maior, que era o patrón. Fixéronse ao mar nun pequeno barco de vela, que partiu ao amencer, da pequena rada que por entón era o porto de Burela; pero ao pouco de comezaren os homes a súa faena víronse sorprendidos por un forte temporal que deixou ao barco sen vela e quilla arriba.

Os mariñeiros lograron dar volta á lancha pero esta quedou entre augas e non puideron subir a ela; entón colocaron o pau da vela ao longo da embarcación e tentaron atarse a el. Con todo, a forza do mar era moita e tres dos mesmos sucumbiron a tal propósito coa desesperación do patrón, que nadaba dun lado a outro tentando axudalos para que se ataran ao pau. A pesares do seu esforzo sobrehumano só logrou axudar a un deles: curiosamente, ao único mariñeiro que non sabía nadar (e quizás por iso se atara fortemente ao pau da vela). Nun determinado intre o patrón berrou desesperado:

“Ai meu Deus, que contas vou dar eu agora dos meus mariñeiros!”

Acto seguido tragouno o mar, pero segundo contou despois aquel mariñeiro que lograra salvarse, parece que antes de afogar sufrira un mareo facéndolle perder o sentido.

Só quedaba con vida o rapaciño, cuxo nome era Benito Insua, e chegou a sentir tanto frío que tentou varias veces desatarse para morrer el tamén, pero nun tivo forzas dabondo para conseguir zafarse da corda. Ao abrir o día, cambiou o rumbo do vento e o mar empezou a empurralo para terra ata chegar á altura de Cangas de Foz; en concreto foi parar á Angrobia, preto da punta da Caldarruda. Benito veu que de seguir así iría bater irremediablemente coas rochas da ribeira; e facendo acopio das poucas forzas que lle quedaban, comezou a moverse e bracear.

A fortuna non o abandonou porque nese momento o cura de Cangas estaba a mirar pola ventá cando reparou nunha sombra que se movía no mar. Para mellor asegurarse foi falar cuns carpinteiros que traballaban nunha obra preto da reitoral, e rogoulles que o acompañaran. Baixaron todos ata a ribeira e comprobaron que se trataba dun náufrago. Cando os carpinteiros o sacaron do mar un deles exclamou: “pero si é o meu irmán”.

Así foi como Benito Insua logrou salvar a súa vida, e logo contou que poucos días antes do naufraxio, fora testemuña dun suceso extraordinario, que el sempre relacionou co acontecido como tamén así fixeron todos os que o escoitaron, permanecendo viva esta historia na memoria dos seus antepasados e transmitíndose ata a actualidade.

O devandito suceso foi o seguinte: unha noite en que viña de ver a súa moza que vivía no Petomouro (Burela de Cabo), veu ao lonxe unha luz que saltaba polo prado abaixo ata caer no río, logo veu outra, e outra, e outra máis, e todas caeron no río menos a última. Contara un total de cinco, das que catro foron parar ao río agás unha que non afogou.

* * *

Máis ou menos pola mesma época en que tivo lugar a anterior lenda, aconteceu na parroquia de Burela un forte temporal que sorprendeu a varias embarcacións navegando para terra.

O vento tiraba para fóra e as lanchas tiñan moi difícil a súa entrada na rada. A preocupación dos fregueses pasou a converterse en desesperación; tanta, que se lles ocorreu ir ata a igrexa e sacar en procesión pola beira do mar, á Virxe das Dores. O vento sopraba con forza e arrincoulle á Santa o pano. Os fregueses recollérono pero en vez de devolverllo, dirixíronse á imaxe nunha especie de desafío, dicíndolle que non llo devolverían ata que amainase o temporal e non representase un perigo para os barcos. Ao pouco tempo o vento parou e as lanchiñas e botes puideron por fin, ancorar na rada.

* * *

Como mostra destas crenzas místico-máxicas, a noite galega énchese de rumores de almas penitentes ou de bruxas que voan. Hai tamén demos presididos polo Demo Maior a quen se teme e esconxura; e diaños pequenos que fan trasnadas: o Rabeno, que ergue as saias das mozas cando vai vento, o Trasno que esconde as cousas para que ninguén as atope, que enreda os fíos das costureiras e mesmo se burla dos bos mozos:

Antigamente, os mozos da parroquia tiñan por afección xogar aos bolos no souto de Burela de Cabo, reuníndose alí os mellores xogadores para presumir das súas habilidades. Pero ao anoitecer, despois de marcharen todos aparecía un que non era moi bo xogador e sempre dicía o mesmo:

Eu chinei e non pasei. Eu pasei e non chinei

Unha noite espiárono os mozos e un deles preguntoulle: “E logo, hom, gañas ou perdes?”. Non fixo máis que dicir isto cando o xogador desapareceu como por encanto. Os vellos dixeron que era o demo, que quería xogar tamén.

* * *

Aconteceulle unha vez a un mozo que viña andando desde Cangas, onde visitara a súa moza que, en chegando á altura dos Bordeóns, atopou unha fermosa besta branca comendo no toxo. Mirou para todos os lados e como non veu a ninguén, berrou:

¿Dono da besta?, ¿Dono da besta? Mira que si non a montas ti montoa eu”.

Non agardou máis e dacabalo do animal chegou ata a poceira do Rego de Mato, que estaba chea de lama. Unha vez alí, o animal brincou na mesma todo o que quixo chapuzándoo de arriba abaixo. E non contento con isto, colleu o camiño da ribeira a todo galope. O rapaz visto que non dominaba a súa montura e mesmo semellaba que se ían despenar os dous, colleu medo e berrou:

Xesús, este é o demo

Aínda non acabara de dicilo cando se atopou sentado ao pé da ribeira e sen cabalo ningún.