Cantábrico: Pesca e Paisaxe
Burela respira mar porque a súa historia, tradición e economía miran ao Cantábrico, que se pode observar desde calquera punto do municipio.
A principios do S. XX a xente do mar atópase a vivir dificultades pero estas non serán un impedimento para poder dotar ao seu pobo, Burela, de todos aqueles servizos dos que carecía. Si algo caracteriza a Burela é a súa vinculación co mar, situándose aquí no S. XVI e S. XVII un antigo porto baleeiro, o cal describe con gran detalle o licenciado Molina no ano 1550. Con todo, non sería ata o S. XX coa creación do Pósito de Pescadores e a posterior construción do porto, cando se asentan as bases do que chegará a ser Burela, un dos portos de referencia do Cantábrico. Deixámosvos a ligazón do libro "Memorias del oficio del mar en Burela" onde se relata con detalle toda a historia.
PORTO PESQUEIRO. A pesca é o motor da nosa economía. O porto de Burela é referente nacional e europeo, tanto por volume de descargas como por facturación.
BONITO DO NORTE. Aínda que hoxe é a pescada do pincho a pesca que máis factura, tradicionalmente recoñécese a Burela como o principal porto na pesca do Bonito do Norte. Esta especie foi o motor económico da vila na segunda metade do século XX.
BARCO MUSEO BONITEIRO "REINA DEL CARMEN". O ‘Reina del Carmen’ é un antigo barco boniteiro de madeira salvado do despezamento para reconvertelo nun museo etnográfico da cultura mariñeira. Foi recoñecido coa Bandeira Azul pola súa divulgación e posta en valor da pesca artesanal e sostible.
RUTAS XEOLÓXICAS. Burela conta cun importante patrimonio xeolóxico que se pode coñecer a través de tres itinerarios: O Perdouro, O Cantiño e A Marosa.
A MONCLOA, Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns.
Queres achegarte ao mundo mariñeiro da man dos seus protagonistas?
A asociación de xubilados do mar e afíns ‘A Moncloa’ fundouse no ano 2008 para cubrir a necesidade destes de manter o vínculo coa que fora a súa vida, o mar, e cos seus compañeiros de loitas, logros e sacrificios, poñendo así en valor o seu duro oficio (quen foi mariñeiro non deixa nunca de selo).
‘A nosa memoria’ é o título que levan as visitas guiadas gratuítas que fan polo interior do seu local, falando desde recordos que gardan e manteñen estos experimentados mariñeiros para que non caia no esquecemento.
Recibirante con historias, anécdotas, curiosidades que forman parte do noso patrimonio cultural inmaterial, da nosa memoria colectiva como pobo.
Nos meses de xullo e agosto a lonxa ABSA abre as súas portas para amosar a dinámica da poxa do peixe mentres se ven as especies comercializadas. Para asistir a esta actividade é necesaria a reserva previa.




