Medio Natural
Autoría: Herminia Pernas Oroza.
O concello de Burela está situado ao norte de Galicia, na provincia de Lugo e pertence á comarca da Mariña Central. Abarca unha extensión de 8,2 km²; e as súas coordenadas xeográficas (43°39'38"N e 7°21'30"O) sitúana nun dos lugares máis ao norte da península Ibérica.
Limita ao norte e leste co Mar Cantábrico, polo Sur coa parroquia de San Pedro de Cangas (Foz), e ao Oeste coas parroquias de San Román de Vilaestrofe, Santiago de Sargadelos e Santa María de Cervo, pertencentes ao concello de Cervo.
Burela está asentada na base dos montes Castelo, Vilar, Pena da Guía, A Puída e o Berdión (que serve de fronteira entre os municipios colindantes de Cervo e Foz); e forxouse arredor do mar e do barro: o “Príncipe azul” e o Burela do C-101 (nome técnico do caolín).
A morfoloxía da costa galega favorece a existencia de numerosos cabos tanto no sector occidental como no setentrional e aquí temos un: Cabo Burela: unha punta, unha pedra, un pobo.
Non se trata do punto máis occidental da península Ibérica (cabo Touriñán) nin tampouco do máis oriental (cabo Creus) nin posiblemente se atope entre os cabos máis importantes de España ou de Galicia pero si que figura entre os cabos máis coñecidos da provincia de Lugo.
Co nome de Cabo Burela ou Burela de Cabo figura en todos os mapas e cartas náuticas, dando o seu nome ao pobo. Tamén é coñecido como “a punta do Cabo”; e en canto ao de ser unha pedra, en puridade, trátase máis ben dun conxunto de rochas porque a PEDRA con maiúscula é a pedra do faro.
Englobado nun entorno castrexo costeiro, foi muda testemuña de cando Burela era máis labrega que mariñeira e os labradíos chegaban ata a mesma ribeira. No Cabo alindaban os rapaces as súas vacas, e ao amparo das súas pedras abrigábanse cando chovía e facían o lume. Para os mariñeiros non valía como referencia pero si desempeña outro cometido, tal é actuar como divisoria de augas: cando chove de Sur, ou sexa do cabo, chove en San Ciprián e en Burela non; e no caso de que vente: “vento do cabo a noite quedado”.
Outra característica moi representativa do litoral norte da provincia de Lugo é a existencia dunha costa rectilínea cara ao límite con Asturias: a denominada rasa cantábrica, superficie plana, de erosión escalonada que se forma parella á costa cantábrica e que se estende de forma continua, desde Burela a Ribadeo aínda que continúa cara o leste ata San Vicente de la Barquera (Cantabria).
E por último pero non por iso menos importante, está a área xeolóxica de Castrelo.
Desde o punto de vista xeolóxico destaca a área de Castrelo, un dos espazos máis interesantes da península Ibérica por ser o lugar de confluencia da rasa cantábrica (cuarcitas) e do batolito de San Ciprián (granito), formando grandes pregues tumbados.
Nas súas orixes, Burela era un humedal: na confluencia coa parroquia de Cangas había cinco torrentes: o río de Vilachá e os regatos de Areoura, Lamestra, Perdouro e Torrentes.
Na actualidade, practicamente teñen desaparecido pero ata hai pouco máis dun século ofrecían bastante dificultade para quen tiña que transitar, sen existencia de ponte algunha, entre as citadas parroquias (Cangas e Burela). As Torrentes designa pois, unha zona por onde descendían as augas que chegaban ao mar na praia de Castrelo.
No barrio de Burela de Cabo está o río das Pasadiñas, xunto co lavadoiro e a fonte que levan o mesmo nome. Este río canalizouse e agora discorre de forma subterránea ata desembocar no porto. Antes, descendía desde Burela de Cabo ata o porto pasando pola denominada rúa “O Río” e cruzaba a estrada xeral baixo unha ponte de pedra da que aínda hoxe pode verse a parte superior.
No barrio da Vila do Medio está o río de Pomeda que desemboca na cala de Ril. E no mesmo barrio hai tamén outro lavadoiro e outra fonte, a da Lamela. Nas beiras do río de Pomeda, que tamén leva os nomes de río de Cinoche, río de Ribela ou río do Val de Pomeda, atópanse os vellos castiñeiros do Souto de Pedro.
En canto ao clima, a Mariña lucense presenta un clima oceánico de fachada cantábrica, caracterizado por un descenso relativo das precipitacións, que se sitúan entre os 800-1.000 mm anuais con respecto á fachada atlántica, aínda que sen aridez estival. Caracterízase esta variedade por ter invernos frescos e veráns suaves. Unha das características do clima cantábrico son as nubes de estancamento formadas polas masas de aire húmido de compoñente norte ao chocaren coa cordilleira cantábrica, que corre parella ao mar. Estas nubes de estancamento son moi ben coñecidas polos condutores que baixan desde a Terra Cha ata a Mariña, porque son as que dan orixe ás frecuentes néboas coas que se atopan ao pasar pola Gañidoira cando collen a estrada de Viveiro, ou pola Xesta, cara a Mariña Central.
O vento do nordeste cando pasa sobre o mar Cantábrico cárgase de humidade e, ao chegar a terra, condensa e forma as nubes que a certa altura parecen néboa. O vento nordeste e o calor necesario para que se produza este fenómeno son máis habituais na primavera e no verán, cando no caso particular de Burela, as nubes tapan por completo o monte Castelo.
Flora e fauna
As especies vexetais máis comúns son: "toxeiras", produto da deforestación do bosque, "Salgueiros", "Piñeirais", actualmente só constitúen o 10% da superficie nas catro provincias. O "eucalipto", durante os últimos 25 anos, é a especie máis cultivada polo uso da súa madeira na fabricación de pasta de celulosa e tamén como borde protector e paramento doutras plantacións. Por último, as "xunqueiras marítimas".
En canto á fauna que existe no Concello de Burela, cómpre sinalar a fauna de montaña: corzos, xabarís, raposo, esquíos e martas; e a das zonas costeiras: aves mariñas como gaivotas e corvos mariños; e crustáceos como lapas, vigaros ou caramujos, ourizos ... así como unha abundancia de moluscos que despois farán as delicias da nosa aclamada gastronomía.