Excursións desde Burela

Burela atópase situada nunha posición céntrica dentro da costa de Lugo, a medio camiño entre a famosa praia das Catedrais e Fuciño do Porco, e a uns 20 minutos da autovía A8. Conta co único centro hospitalario do norte de Galicia, gran variedade de servizos comerciais, unha ampla oferta de restauración e aloxamentos que destilan calidade. A conxunción destes factores convértena nun punto estratéxico ideal como base para realizar excursións pola Mariña Lucense, a veciña comarca de Ortegal e o occidente asturiano.

Estas son só algunhas das excursións das que poder gozar desde aquí:

Praia das Catedrais (Ribadeo, 37 km), “a xoia gótica da natureza”. Para pasear entre elevados arcos naturais bañados polas augas do Cantábrico,  que lembran aos apuntados dos impresionantes templos góticos. Despois ou antes da visita é recomendable un paseo pola pintoresca vila mariñeira de Rinlo, co seu caserío disposto sobre os cantís e as súas antigas cetarias, e por Ribadeo, onde o seu importante legado indiano móstranos o esplendor de outrora.


A Mariña Lucense Turismo

Fábrica de Cerámica de Sargadelos e o Paseo dos Namorados (Cervo, 5 km). Para coñecer de primeira man a planta de produción da internacionalmente afamada cerámica galega, e gozar dun cómodo e curto paseo ata unha bonita fervenza. Ademais, convén achegarse a San Cibrao, típico pobo mariñeiro onde gozar de agradables paseos e visitar algún museo, talleres, o seu faro ou a súa ponte medieval para despois regresar a Burela pola estrada costeira que une a ambos pobos.


A Mariña Lucense Turismo


A Mariña Lucense Turismo

Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz, 18 km). Considerada a máis antiga catedral española, este templo garda no seu interior unhas pinturas murais do século XII que son unha auténtica xoia. No camiño de volta unha boa opción é parar no paseo marítimo de Cangas de Foz (4,8km), onde admirar a igrexa de San Pedro ao bordo dos cantís da praia do mesmo nome e a súa lonxeva moreira negra, que está catalogada como árbore singular.


A Mariña Lucense Turismo

Os Cantís de papel e a Senda Costeira de Xove (Xove, 16 km), onde contemplar uns cantís abruptos, moldeados polo mar e o vento ata lograr o seu singular aspecto actual, que recrea figuras reais ou imaxinarias que parecesen feitas de papel, de aí o seu nome. Desde estes cantís parte un atractivo roteiro de sendeirismo que apaixonará aos amantes do mar, os faros, as praias virxes e as paisaxes verdes.


A Mariña Lucense Turismo

Pozo da Onza (O Valadouro, 17 km). O Valadouro posúe fervenzas en exuberantes contornas naturais como o Pozo da Onza ou a fervenza de Torez. Tamén merece unha visita o dolmen de Santo Tomé e a súa contorna.

O Miradoiro de San Roque (Viveiro, 28 km). Desde o coidado casco antigo de Viveiro poderedes partir para coñecer este maxestoso miradoiro sobre a súa ría, entre outras paraxes naturais dignas de visita, como o Souto da Retorta, onde atopamos a “O Avó”, o eucalipto máis alto de Europa, ou a bonita fervenza coñecida como pozo da Ferida.


A Mariña Lucense Turismo

Mosteiro de San Salvador e Ruta da Faba (Lourenzá, 27 km). A fachada deste mosteiro está considerada como un ensaio previo da emblemática fachada do Obradoiro da catedral de Santiago de Compostela polo seu mesmo arquitecto, e un referente do barroco galego. Nunha das súas dependencias atópase o Centro de Interpretación da Faba, desde onde partir ao roteiro do mesmo nome, un roteiro natural e cultural no que é protagonista esta legume con indicación xeográfica protexida.


A Mariña Lucense Turismo

A Catedral Basílica da Asunción e as Covas do Rei Zintolo (Mondoñedo, 37 km). Nunha das capitais de provincia da antiga Galicia podedes visitar unha catedral declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, centro neurálxico do seu belo casco antigo; as covas do Rei Zintolo, cuxa visita espeleoturística permítenos descubrir a cova máis grande de Galicia no seu estado natural, e varias fervenzas que farán as delicias do visitante.


A Mariña Lucense Turismo

Fuciño do Porco (O Vicedo, 32 km). O Vicedo, coas súas espectaculares praias, por onde transcorre o roteiro de sendeirismo “A costa do Vicedo” ( PPG- 156), ten como atractivo turístico máis visitado Fuciño do Porco, uns espléndidos cantís entre pasarelas e escaleiras de madeira desde onde se divisan belas praias.


A Mariña Lucense Turismo

Santo Estevo do Ermo (Barreiros, 24 km), un bosque de conto, atravesado por un río que cae en fervenza. Tamén en Barreiros atopamos miradoiros naturais con fermosas e amplas panorámicas costeiras (miradoiro Monte Comado, miradoiro de Penalonga e miradoiro de Penabor).


A Mariña Lucense Turismo

Fervenza do Escouridal (Alfoz, 27 km), unha das fervenzas máis altas e belas de Galicia. Entre os concellos de Alfoz e Foz  merece tamén unha parada o Pico da Frouseira, onde un antigo castelo derrubado polos reis católicos, do que apenas queda unha plataforma entre grandiosas rochas graníticas, fai de excelente miradoiro da ría de Foz.

Fervenza da Xestosa (Ourol, 45 km). Cascada con abundante auga durante todo o ano, e que salva un desnivel dunhos 20 metros de altura.

Cabo Estaca de Bares (Mañón, 48 km), onde se abrazan o Mar Cantábrico e o Océano Atlántico.

Os fornos de A Pontenova e os seus roteiros de sendeirismo (A Pontenova, 49 km). En A Pontenova pode descubrir o seu gran legado industrial ligado ás minas de ferro. Dos seus fornos de fundición parten varios roteiros que combinan patrimonio industrial con natureza. Ademais, para os amantes do sendeirismo exiten outros roteiros nos que ver a natureza autóctona galega en todo o seu esplendor.

Os Cantís de Loiba (Ortigueira, 49 km). Desde os miradoiros dos cantís de Loiba poderemos admirar unha sucesión de escarpados cantís e praias salvaxes. Algúns dos máis destacados son o Miradoiro do Coitelo, onde sentarse no que din ser o “mellor banco do mundo” e o Miradoiro de Pena Furada.

Miradoiro de Garita da Herbeira (Cedeira, 84 km), desde onde contemplar os considerados como os cantís máis altos da Europa Continental e as únicas praias de area negra de orixe non volcánico do planeta.

Lugo (98 km) e o seu legado romano son dignos dunha visita.

Taramundi (64,8 km). Para coñecer as montañas asturianas e a súa etnografía. Podemos visitar interesantes museos como Mazonovo, o museo dos muíños máis grande de España, ou o museo da coitelería. Ademais, son de interese os conxuntos etnográficos de Os Teixois ou As Veigas, cos seus fermosos caseríos de pedra e hórreos.

 

Consulte mapa

Para saber máis na páxina web de A Mariña Lucense Turismo