Patrimonio Arqueolóxico

Autoría textos: Aurelia Balseiro García

 

BENS MOBLES ARQUEOLÓXICOS: punta palmela, torques e arracada

Estes obxectos póñense en relación coa ocupación do territorio por parte dos nosos antergos e deste xeito tamén constatamos a existencia de xacementos arqueolóxicos da Idade do Ferro (s.s. VIII a.C. – s. I) con ocupación en época romana: castro de cabo Burela, castro de Chao do Castro, castro de Castelo; asentamento de Castrelo/O Campón e Vila do Medio ou o petróglifo do Cabo Burela.

O patrimonio cultural material máis antigo de Burela estaría asociado á nosa prehistoria, concretamente temos noticia1 dunha punta palmela datada cara ao 1800 a.C. e realizada en cobre. A tipoloxía e o nome Palmela deriva do homónimo xacemento calcolítico portugués. Estas puntas de flecha ou de lanza de folla plana e bordes biselados, defínense pola súa función como ferramenta ou arma, pero tamén como obxectos de prestixio cun valor simbólico posto que se atopan tamén en contextos funerarios. As puntas palmelas son tamén unha demostración da produción prehistórica de pezas de cobre con recursos autóctonos e da existencia dunha metalurxia avanzada.

O torques de Burela, a xoia do noso patrimonio2.

O seu achado en 1945 está rodeado de anécdotas curiosas porque o afortunado que casualmente atopou o torques descoñecía o valor histórico e a importancia que tería esta xoia para o mundo da arqueoloxía e concretamente na ourivaría prehistórica.

Que é un torques?

É un adorno de pescozo ou colar ríxido que os romanos consideraban característico dos pobos bárbaros (europeos e asiáticos) que o utilizaban como un símbolo de determinados guerreiros ou personaxes importantes dentro dunha sociedade ou cultura concreta e mesmo como distintivo dos deuses ou de divindade. Con todo, no Noroeste peninsular dentro do Fenómeno Cultural Castrexo, este obxecto desenvolveu unha morfoloxía distintiva e independente doutros torques foráneos. O de Burela é un exemplo de torques áureo castrexo composto por unha variña en forma de c decorada con arames enrolados nos seus dous terzos inferiores e filigrana en forma de oitos entrelazados na parte central externa, terminada cuns remates volumétricos. Ademais este torques ten unha marca en forma de aspa no terzo central interno da variña que podería ser de propiedade ou de obradoiro.

Función

En canto ao seu uso ou función, no Noroeste peninsular foi utilizado por persoas dun determinado rango social, é dicir, pola elite da comunidade. Non obstante, o de Burela debido ao seu excepcional peso (1.812 g.) e dimensións, parece máis ben que estaría destinado a outra finalidade, ben fose como ofrenda, como unha xoia votiva ou como símbolo de poder usado en contadas ocasións polas persoas máis representativas da comunidade (como é o caso das coroas reais ao longo da historia). En definitiva e en todo caso, era un símbolo identitario e un ben de prestixio.

O que tamén transcende deste torques é a confirmación da existencia dun asentamento prerromano en Burela situado concretamente na zona do seu achado (Chao de Castro) cuxo topónimo é así mesmo identificativo debido a que sinalaría a existencia dun castro, típico recinto fortificado de forma oval ou circular onde vivían os nosos antepasados dende a Idade do Ferro ata a chegada dos romanos (a ocupación definitiva do territorio septentrional establécese no ano 19 antes de Cristo) e, nalgúns casos, tamén despois do cambio de Era. Estes asentamentos humanos que dan nome á Cultura Castrexa, espállanse tamén polos concellos veciños de Cervo, Foz e Xove.

O feito de que este adorno áureo xunto coa arracada chegasen ata nós desde tempos tan antigos (a arracada dátase no século II-I a. C. e o torques entre os séculos III e I a. C.), constata, ademais da existencia dun asentamento ou poboado prerromano, que os seus moradores ou habitantes gustaban do adorno persoal e dos bens de prestixio e que había un acceso directo á materia prima usada: o ouro. A riqueza aurífera da provincia de Lugo sería explotada intensamente polos romanos, pero os pobos autóctonos xa usaron dende o Calcolítico este metal para transformalo en obxectos suntuarios. O ouro na pre e protohistoria sempre estivo asociado ao prestixio e ao poder.

O Torques de Burela- Imaxe cedida polo Museo Provincial de Lugo
Torques de Burela - Imaxe cedida polo Museo Provincial de Lugo

 

 

A arracada de Burela.

A arracada, que apareceu en Burela en 1954 é un pequeno pendente áureo de forma arriñonada que as mulleres levaban pinzada no lóbulo da orella. Esta peza tamén amosa un virtuoso traballo técnico debido a que nos seus dous escasos centímetros de alto por ancho condensa unhas técnicas de execución e decoración realmente complexas e artísticas, propias dun ourive de gran pericia e/ou dun obradoiro estable.

A indubidable importancia destes dous obxectos áureos tamén vén dada polo material empregado na súa fabricación: ouro de gran pureza, o que reafirma a devandita proverbial riqueza aurífera da zona ou o poderío da respectiva comunidade. Ambos foron achados casuais polo que non consta información arqueolóxica adicional que contribúa a contextualizalos. Con todo, os obxectos áureos da Antigüidade establecían diferenzas sociais, tiñan carácter apotropaico (de protección ou amuleto) e connotacións máxico-relixiosas (asociado á divindade), ademais do seu valor intrínseco pola forma e a materia.

O ouro foi un dos primeiros metais, xunto co cobre, que o home empezou a valorar e traballar xa no III milenio antes de Cristo, mesmo hoxe en día é un patrón económico e del quédannos testemuños nas fontes literarias antigas (Estrabón, Plinio...) que mencionan a riqueza aurífera do Noroeste e a rica ourivaría que actualmente conservamos é un claro indicio diso, sendo o torques e a arracada de Burela dous valiosos exemplos do desenvolvemento autóctono da ourivería.


Arracada de Burela - Imaxes cedidas polo Museo Provincial de Lugo

 

ASENTAMENTO DE PUNTA DE O CASTRELO,

Así recoñecido na bibliografía oficial, aínda que a toponimia local se refira a este lugar como A Limosa, tamén mal denominado “Xacemento do Campón”. O nome de Castrelo tamén puido derivar en orixe dun castro, non obstante, só se constatou por prospección arqueolóxica a posible existencia dunha villae a mare, un tipo de establecemento rural litoral organizado funcionalmente nunha área produtiva e noutra residencial, en base aos restos atopados de salas caldeadas (hipocaustos) datadas no s. IV d.C. (Baliñas e González, 2017).

González e Fernández (2014?) en base a intervencións arqueolóxicas de 1999 e 2004 consolidan a súa clasificación como un xacemento romano con estrutura de hipocausto. As teselas cerámicas atopadas no conxunto forman parte dos escasos exemplos de uso exclusivo deste material para decoración pavimental ou “mosaicos”. Tamén se constatou, segundo as devanditas autoras3, a presenza de dúas estancias rectangulares de época romana, provistas de sistema de hipocausto, realizado con materiais reutilizados, pero sen poder determinar se serían espazos calefactados en ámbito termal ou un sistema de calefacción de vivenda de uso entre os s.s. III-V d.C.

A alteración e destrución deste xacemento non é óbice para terlle a consideración necesaria para conservalo e darlle o importante valor que merece na historia da Mariña lucense.

Actualmente aínda que sinalizado, está bastante olvidado pero o seu potencial podería desenvolverse sobre todo para consolidar a existencia de estruturas castrexas anteriores, dado que os espazos de cronoloxía romana están claros.

CASTROS DE BURELA

Xa definidos os castros como o típico asentamento prehistórico do Noroeste peninsular entre os s.s. VI a. C. e o I d.C. caracterizado por unha estrutura oval ou circular con estruturas defensivas ou de prestixio (muros e foxos), situados estratexicamente no entorno que os rodean e cuxo interior se organiza en vivendas de pedra con planta circular, zonas de uso público común e un urbanismo de seu, e vista a importante densidade deles no litoral lucense dentro da tipoloxía de castro costeiro, citamos os catalogados no concello de Burela:

  • Castro de Cabo Burela. Na estrada que vai da Praia urbana de Burela á Praia da Marosa a carón do propio cabo, atópase este xacemento lixeiramente elevado nun outeiro. A tradición oral denomina as dúas elevacións que sobresaen na paisaxe como “as tetas da Vinculeira”, outros pretenden ver que sinalarían a entrada ao recinto castrexo. Dado que non se fixeron escavacións arqueolóxicas e a superficie modificouse cos cultivos, agora está cuberta de monte baixo, non se poden establecer conclusións absolutas sobre a súa estrutura.

  • Castro de Chao do Castro. O que podería ser a súa croa, ou recinto superior está ocupado por vivendas e fincas de labores. Parecen apreciarse restos perimetrais pero o seu nivel de destrución é moi alto.

  • Castro de Castrelo. Ocupado polo barrio respectivo con casas e modificacións urbanísticas e de comunicación que ocultan o xacemento do que practicamente só é indicativa a toponimia.

Petróglifo de Cabo Burela. Como a súa etimoloxía indica, denomínanse petróglifos as representacións gráficas gravadas en pedra ou rochas realizadas xa desde o Paleolítico Superior e o Neolítico. Na arte rupestre galega hai moitos exemplos catalogados predominando os motivos xeométricos (cazoletas e combinacións circulares) fronte aos figurativo-naturalistas, que perviviron pasada a nosa prehistoria. Situado nun promontorio costeiro e rodeado de vexetación de monte baixo, aparece unha pedra con dúas cazoletas de 3 e 6 cm. de diámetro, preto doutra máis grande da que parte unha liña irregular que case comunica cunha cuarta cazoleta. O grao de erosión e alteración é alto e sitúase no recinto do castro devandito.

Como colofón, rematamos esta parte do patrimonio arqueolóxico de bens mobles e inmobles asociados á nosa pre e protohistoria, constatando e reiterando a intensa ocupación territorial prerromana. Dado que a cultura castrexa era ágrafa, só conservamos fontes e testemuñas dos romanos que nos definían como pobos bárbaros, incivilizados, salvaxes, belicosos “que viven do roubo e da guerra entre sí mesmos e contra os veciños”, de vida “anárquica” (Estrabón III, 3,5.)

Tamén se relata sobre os montañeses: “… son sobrios, pois non beben senón auga, durmen no chan e levan cabelos largos ao modo feminino, aínda que para combatir cíñense a frente cunha banda. Comen principalmente machos cabríos. A Ares sacrifican machos cabríos e tamén prisioneiros e cabalos… beben cervexa e o viño, que escasea, cando o obteñen consúmeno rapidamente nos grandes banquetes familiares. En lugar de aceite usan manteca. Comen sentados sobre podios construídos arredor das paredes, aliñándose en eles segundo as súas idades e dignidades… “ (Estrabón, III, 3,7)

Tense constatado, tamén segundo fontes similares, que os pobos desta parte do litoral cantábrico da Gallaecia pertencente ao Conventus Lucensis, eran chamados entre eles e/ou polos romanos: Addovi, Varri Namarini e Cibarci4.

 

Notas ao pé:

1 Comendador Rey, B. (1998) Los inicios de la metalurgia en el noroeste de la Península Ibérica (Brigantium: Boletín do Museu Arqueolóxico e Histórico da Coruña, Nº 11, 1998)

2 Balseiro García, A. (2013) O torques de Burela, a xoia do no partrimonio (Edit. Concello de Burela)

3 Los pavimentos romanos de teselas cerámicas. El ejemplo del yacimiento “O Campón” (Burela, Lugo). Actas do Encontro Portugal-Galiza Mosaicos Romanos. Fragmentos de cultura nas proximidades do Atlántico. 6-7 de julho de 2013. Museo da villa romana do Rabaçal, Penela, Museu d. Diogo de Sousa, Braga, Museo Provincial de Lugo, Galicia.

4 Rodríguez Colmenero, (2011); Lucus Augusti. La Ciudad Romano-Germánica del Finisterre Ibérico. Génesis y Evolución Histórica (14 A.C- 711 D.C) (Edit Concello de Lugo)