Historia de Burela

Autoría: Herminia Pernas Oroza.

 

Prehistoria e Historia Antiga

Cara o século VIII a.C. xeralízase o castro como modelo de asentamento no noroeste peninsular expandíndose posteriormente cara o norte. Os castros costeiros da comarca presentan características análogas: todos eles atópanse nun promontorio costeiro que avanza a modo de cabo cara o mar. As súas vivendas adoitaban ser de tipo circular, acadando os muros unha altura de aproximadamente dous metros; e van pervivir ata varios séculos despois da conquista romana, incluso algúns chegan ata a Idade Media.

Os seus habitantes dedicábanse basicamente á gandaría (vacas, cabalos, cabras, porcos, etc.) que complementaban coa agricultura. Loxicamente, pola súa ubicación, os habitantes destes castros pescaban e mariscaban.

Os especialistas atrévense a constatar unha ocupación relativamente intensa no litoral burelao, nunha serie de asentamentos como son o castro do Cabo Burela, o castro de Chao do Castro e a Punta de Castrelo. Quizá obedecesen á tipoloxía de grandes castros ou quizá non; o certo é que as interpretacións varían. Unha corrente historiográfica inclúe aos castros costeiros do norte peninsular dentro dun sistema de asentamento de orixe romana e de reubicación de poboacións que ficaban diseminadas polo territorio en puntos concretos co obxectivo de explotar os recursos minerais. Outros autores manteñen que a súa orixe é endóxena e radica na Idade do Bronce.

Historia Burela

 

Idade Media

Na área de Castrelo, en concreto na zona denominada A Limosa, confirmouse a existencia dunha villa a mare, é dicir, un establecemento rural litoral vinculado ao medio mariño circundante, datado na temperá Idade Media (século IV) aínda que puidera estar levantado sobre un asentamento romano do século I reutilizado a súa vez, dun posible castro anterior. Os achádegos apuntan a que esta villa a mare contaba con salas caldeadas mediante o sistema de hipocausto.

Non está claro aínda o paso poboacional desde a liña de costa ao inmediato interior. Tense falado tanto de causas climatolóxicas como de ataques externos a través do mar (incursións normandas e musulmáns). Despois de varios séculos de escuridade informativa, na segunda metade do século X hai constancia da villa de Burela, situada na ladeira do Monte Aquilar, entre os regatos Torrentes e Pomeda; e tamén se sabe que xa tiña unha economía mixta de carácter agropecuario e mariño. Completaba o núcleo de poboación unha fortificación nas inmediacións do devandito monte chamada “Castelo Aquilar” que tería unha función defensiva ademais de actuar como elemento reitor do territorio circundante.

No decurso do século XII ten lugar unha importante etapa de crecemento económico e social na área mindoniense; e no relativo a Burela, constátase a existencia da igrexa de “Santa María de Burela” e tamén un “villar”, produto dun proceso de ocupación e explotación do espazo periférico. Con estas dúas últimas unidades poboacionais temos xa as catro unidades básicas que, andando o tempo, configurarían os catro barrios característicos de Burela, e que seguindo unha orde cronolóxica son: vila, castelo, igrexa e o vilar.

Na segunda metade do século XV ten lugar outra alteración da fisionomía do entorno coa construción dunha nova edificación: a “casa-torre”, “casa forte” ou “nova fortaleza señorial”. Os estudosos da materia consideran que pode tratarse dunha baixada ao chan dos antigos recintos fortificados da Alta Idade Media, construídos entre as “penas bravas e os outeiros” e que agora, no novo período tardo-medieval, xa quedaran obsoletos. É moi probable que esa casa-torre de Burela de Cabo estivese relacionada co control e coa defensa do porto e a súa actividade económica. Así pois, non parece ser casualidade que a primeira referencia gráfica coñecida do porto burelao se date en 1466, no portolano do cartógrafo italiano Grazioso Benincasa.

Debuxo de Xosé Antón García G.-Ledo (CSIC-XuGa), Biblioteca do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

Constatados os enclaves de Burela de Cabo e de Vilar, queda o entorno da igrexa que foi medrando ao longo dos últimos séculos medievais ata configurar outro núcleo de poboación que, debido á súa localización entre os dous enclaves arriba sinalados, recibiu o nome de “Vila do Medio”.

 

Idade Moderna

Burela foi unha freguesía (baixo a advocación de Santa María) de xurisdición eclesiástica (do cabido mindoniense) durante toda a Idade Media ata o século XVI, cando a Coroa (representada polo monarca Filipe II) compra esta parroquia, en 1593, para logo vendela ás casas señoriais dos Bolaño e Osorio, cuxos descendentes pelexaron durante moito tempo (desde 1740 ata 1770) polo dereito ao título do señorío. Finalmente, unha Real Orde do monarca Carlos III estableceu unha quenda pacífica no devandito beneficio. Burela convertérase así nun coto de señorío particular ata a abolición dos señoríos xurisdicionais no século XIX.

A comezos do século XVI o porto posúe xa un marcado carácter mariñeiro coas súas casas, casares e casetas de pescadores; testemuñándose a partir de 1527, a captura de baleas. A grande importancia da actividade baleeira obsérvase na configuración dunha infraestrutura especializada: a atalaia, levantada nun lugar empinado e alto, que servía para que os pescadores puidesen divisar as baleas que pasaban preto da costa, e tamén para rexistrar os ventos e incluso para a fortificación do porto. A caza de baleas combinábase coa pesca costeira da sardiña, polo menos ata finais do século XVII, cando tivo lugar a desaparición dos cetáceos destas augas.

Neste período, a vila de Burela xa se configuraba como un asentamento unitario que respondía á seguinte estrutura polinuclear: Burela de Cabo, que era a sede do poder señorial, simbolizado na súa torre; a Vila do Medio, que se converte no centro territorial e relixioso; o Porto, que irá canalizando aos poucos, a actividade produtiva; e, finalmente, Vilar (o antigo villar medieval), un enclave periférico que posuía as mesmas características que Burela de Cabo; isto é, un pazo señorial, unha explotación agropecuaria, dous muíños alimentados polo regato de Pomeda e, por suposto, o souto de Cinoche. Eis os catro focos poboacionais que a rede viaria se encargaría de unir andando o tempo, con maior ou menor fortuna.

Conforme avanzaban os séculos da Idade Moderna, comezaba a darse unha diversificación de funcións na área portuaria onde vivían persoas de distintos oficios destacando os labregos e artesáns. Deste xeito, no ano 1787 contaba a parroquia burelá con 560 habitantes e 28 teares, que daban 3.096 varas de lenzo ordinario e 1.049 de estopilla. Pero como esta produción non abondaba para satisfacer a demanda local, apareceu entón a figura do comerciante ou “traficante en liño" que era importado de Castela. Parece que se trataba de labregos que, ao volveren da seitura en terras castelás, traían para as súas localidades varios cargamentos de liño.

E se nos fixamos agora nos pescadores da área portuaria, cabe sinalar que durante o século XVIII a pesca principal dos portos mariñaos continuaba a ser a sardiña, practicada coa arte do xeito. Capturábanse tamén outras especies como a pescada e mais o congro e, en menor cantidade, a raia e o rodaballo. Porén, nun informe de 1789 relativo á pesca da sardiña no porto de Burela, dise que non existen costeiras regulares que dean lugar ao proceso de salgado.  As causas eran, por un lado, que se trataba dun porto situado en mar aberto (no máis vivo da costa) e, por outro, que a pesca só se practicaba no verán, empregando como cebo certos peixiños denominados gueldo, que había que ir buscar ás rías atlánticas ou a praias afastadas.

Non sucedía o mesmo co congro, o máis afamado da costa galaica segundo Cornide. Este peixe foi o protagonista de abundantes costeiras, que si posibilitaban o seu salgado ou, mellor dito, o seu “salpresado”, e dun importante comercio marítimo entre a Mariña e outros portos de España e de Portugal. Por vía terrestre, arrieiros e maragatos chegaban ata Burela e San Ciprián para cargar as recuas de congro curado con destino aos distintos mercados galegos e casteláns.

A partir do derradeiro cuarto do século XVIII as capturas vanse reducindo, ao tempo que diminúen tamén o número de embarcacións e de mariñeiros ou mareantes, que tal era a denominación que entón se lles daba. Recibían este nome os afiliados á organización gremial denominada Matrícula de mar que permitía o exercicio da pesca. Os que non estaban inscritos nesta organización, pero que alternaban os labores agrícolas coa pesca, chamábanse na linguaxe da época terrestres, existindo entre uns e outros unha rivalidade por facerse cos recursos do mar, que os agremiados reclamaban para si. O marqués de La Ensenada reestruturou durante o seu ministerio (ano 1748) a Matrícula de mar (creada polo ministro Patiño no ano 1737), prohibindo a pesca aos terrestres. Este feito concedía aos pescadores agremiados a explotación exclusiva do mar, pero a cambio debían prestar servizo nos buques de guerra do Estado desde os 17 ata os 60 anos. O masivo recrutamento de pescadores para a Real Armada, xunto co veto imposto aos terrestres, motivou o descenso no número de embarcacións, de mariñeiros e de capturas. En consecuencia, os portos de Foz, Burela e San Ciprián sumíronse nunha crise non só pesqueira senón tamén da industria de salga. As causas foron varias: deficiencias no aprovisionamento do sal –había que fornecerse en Ribadeo ou en Viveiro, o que ocasionaba gastos considerables–, o mal estado dos camiños e, sobre todo, a falta de artellamento dos mercados galegos. Os mareantes, entre guerra e guerra, limitábanse a pescar por conta de armadores que lles mercaban a práctica totalidade das súas capturas; comercializando eles pola súa conta algunhas partidas de peixe, aínda que se trataba duns excedentes moi escasos debido á exclusión de parte do produto para os dereitos señoriais e os impostos reais.

A falta de brazos que realizasen as actividades pesqueiras e o desabastecemento dos mercados motivou que en toda Galicia, nomeadamente  na provincia de Mondoñedo, que era a máis afectada, se erguesen continuas peticións ao Goberno para que levantase o veto imposto aos terrestres. A regulamentación “suavizouse” pola Real Ordenanza de Matrículas de Mar de agosto de 1802 a fin de atenuar a escaseza de mariñeiros para a pesca por mor da Guerra de Independencia, autorizándose en 1805 a admisión de non matriculados.

 

Idade Contemporánea (séculos XIX-XX)

A mediados dos anos trinta do século XIX Burela deixa de ser un coto redondo para converterse nunha freguesía. Na lista de concellos da provincia de Lugo publicada en 1835 figuran os concellos de Nois, que inclúe a parroquia de Burela, e o de San Ciprián, que comprende as parroquias de Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, Sargadelos e San Román de Vilaestrofe. Estes dous concellos tiveron unha vida breve xa que en 1840 levouse a cabo unha nova remodelación municipal da provincia para dar lugar á aparición dos municipios de Cervo e Foz. O primeiro absorbería as parroquias do desaparecido concello de San Ciprián ás que se sumaba a parroquia de Burela dado que o concello de Nois tamén desaparece. Sen embargo, os lindes definitivos entre ámbolos dous concellos non están de todo claros e xorde a controversia polas freguesías de Santa María de Burela e San Pedro de Cangas, que foron integradas no concello de Foz.

A decisión administrativa fíxose agardar ata 1852 cando a parroquia burelá pasa a pertencer definitivamente ao concello de Cervo1, aínda que xa figuraba literalmente no BOPLU dende marzo de 1845. Non se deu ningunha variación dende entón en canto á superficie do termo ou ao número de parroquias ata finais do ano 1994 en que a parroquia de Burela obtivo a segregación do concello de Cervo para constituírse en concello propio.

En 1855 o concello de Cervo non libra da epidemia de cólera, que estivo presente na península Ibérica a través de diversos brotes; un destes abarcou desde 1853 ata 1856 sendo o máis negativo de todos estes anos o de 1855. Morto o vicario de Burela, o párroco de Lieiro solicita un novo ecónomo que unira ás virtudes sacerdotais, a robustez e axilidade tan necesarias nesas apremiantes circunstancias xa que todos os días se celebraban enterros en número de tres e ata de cinco.

Respecto á economía, Burela continuaba a ser labrega e mariñeira.  Cultivábase trigo, centeo, millo, fabas, liño, cáñamo, cebada, patacas, legumes e ata se facía un pouco de viño. Destacaba o gando vacún e o cabalar cruzado e por último, algunhas colmeas. Había tamén dous muíños e moitos teares nos que se elaboraba lenzo, estopa, saial, picote e mantelería. Como único servizo contábase cunha escola primaria, mal dotada e costeada polos pais dos alumnos2.

Os mariñeiros dedicábanse á pesca da sardiña, do congro e aos budións, facéndose ao mar en lanchiñas e botes a vela ou de remos. Durante os anos 1879, 1880 e 1881 a pesca da lagosta adquiriu un importante protagonismo nos portos do Cantábrico, levándose a cabo entre os portos de O Vicedo e Burela (nunhas doce millas de costa marítima) e chegando a pagarse por cada peza viva un mínimo de cinco reais. A prensa da época fíxose eco dos graves prexuízos que ocasionaría esta pesca indiscriminada. Despois de continuadas protestas, unha orde do comandante de Mariña do porto de Ribadeo prohibe a pesca da lagosta durante a época de cría (o mes de abril aproximadamente). O detalle anecdótico é que os pescadores locais “andaban á lagosta” única e exclusivamente para vendela aos franceses, posto que no mercado interno non tiña ningunha aceptación. En Burela, durante esta época, chegou a funcionar unha cetaria dedicada exclusivamente ás lagostas. Alí agardaban estes crustáceos a chegada dos balandros franceses.

As embarcacións locais ancoraban ao abrigo duns escollos naturais que sobresaían do mar, ao comezo da praia. Cando os temporais se intensificaban contra a costa, os mariñeiros para protexer as súas embarcacións, tiñan que sobordalas na praia. Ante a carencia dun refuxio permanente e seguro, os seus propietarios optaron por levalas a invernar aos portos naturais de Foz e de San Ciprián, abrigados de seu, a diferenza do de Burela que estaba moi metido no mar aberto. Haberá que esperar ata o primeiro terzo do século XX para a construción do porto, pero o importante era que a base mariñeira da nosa vila xa estaba sementada.

Tralo peche das Reais Fábricas de Sargadelos, en 1875, en Burela continúa a extracción de caolíns locais que posteriormente se exportaban a Xixón e Sevilla. Outra actividade importante desde finais do s. XIX e ata a década dos anos 20 foi a carga e transporte de puntais, dado que cada oito ou quince días, barcos procedentes de Avilés e Xixón ancoraban na praia do Cantiño para cargar madeira. Tratábase de barcos de case 300 toneladas, e que levaban dez ou doce carros de madeira. O sistema de traballo era o seguinte: desde a Granda de Canel ata o Cantiño a madeira traíase en carros arrastrados por bois, unha vez alí, as mulleres encargábanse de levar o puntal ata a praia onde agardaban outros homes metidos na auga ata a cintura, para cargar o barco.

A comezos do século XX aséntase en Burela unha burguesía industrial foránea que se fai cargo da explotación do caolín: vascos (C. Guisasola, R. Jaureguízar) e cataláns (os irmáns Cucurny, R. Farré). Tamén foránea é a burguesía ligada ás fábricas de salazón e conserva: italianos (empresa Palazzolo) e asturianos (a firma Bravo).

Pero a década que significou o despunte económico e demográfico desta parroquia foi a de 1950. O primeiro veu ligado ó desenvolvemento do sector pesqueiro, que empeza agora a demandar postos de traballo e a xerar pequenas industrias e comercios. Mentres que o segundo, pode considerarse como causa e á vez consecuencia do anterior, como así o proban os datos tirados dos padróns: en 1955 contaba Burela con 1.530 habitantes, que pasaron a ser 1.887 en tan só cinco anos (1960).

Sempre en relación co mar, como cómpre a unha parroquia mariñeira, a década dos cincuenta trouxo con ela os primeiros barcos a motor que foron o “Llave de la Vida”, o “María Irene” e o “Monte Ogoño”. Concédense empréstitos para a construcción de novas embarcacións deste tipo como o “Nuevo Piñeiro” e o “Virgen de Luján”, que van ser propulsados cun motor de gas-oil da marca juaristi. Deste xeito, no ano 1958 constátanse no porto de Burela trinta barcos a vapor e trinta e sete lanchiñas a motor. Unha proba do desenvolvemento pesqueiro burelao ofrécenola a evolución do número de mariñeiros rexistrados nos padróns municipais, que pasa de 153 en 1928 a 277 a mediados dos cincuenta, coincidindo tamén coa instalación de varias conservas de pescado, de preparación de anchoas, un despacho de sal e varios comerciantes de peixe3. Esta liña de progreso non rematou coa década senón que se ampliou nas dúas seguintes, aproveitando a boa conxuntura reinante.

 

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:

  • Baliñas Pérez, C e González Paz, C.A. (2017). “Del castro al puerto: la villa de Burela y los orígenes del poblamiento medieval del litoral cantábrico gallego” en España Medieval, nº 40, pp. 375-407.
  • Freán Campo, A. (2017-18). “El nacimiento del urbnaismo castreño y la configuración de un nuevo pensamiento simbólico” en Estudios Humanísticos. Historia, nº 16, pp. 13-31.
  • Pena Domínguez, R. ((2004). Burela. Apuntes históricos y crónica del siglo XX, Deputación de Lugo.
  • Suárez Mesías, O. (2011). Memoria do oficio do mar en Burela. Concello de Burela.

 

NOTAS AO PÉ:

1 Véxase Actas de la Diputación Provincial de Lugo, anos 1840-1852. FARIÑA JAMARDO, X., Os concellos galegos, T.III, “O concello de Cervo”, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1993, px. 273-286. Segundo datos deste autor a superficie do concello de Cervo era de 81,1 km2, inferior á media dos concellos galegos (93,97 km2) e tamén aos do resto da provincia lucense (150,93 km2) mentres que as entidades con maior poboación eran por esta orde, Burela, San Ciprián e Cervo, constituída esta última en capital municipal.

2 MADOZ, Pascual, Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de Ultramar, Ed. facsímil, Santiago, 1986.

3 Segundo a Matrícula Industrial de 1950 había en Burela, 18 industrias, 17 comerciantes e 9 actividades vencelladas ao sector servizos.