A pesca do bonito
Autoría: Herminia Pernas Oroza.
Nos anos vinte do pasado século chegaron os mariñeiros bascos á costa mariñá, en lanchas de vela e a remo, máis grandes cas locais, e que os mariñeiros de Burela denominaron “marracanas”. Con elas pescaban bonito e ensinaron aos nosos mariñeiros esta arte.
Tal foi así, que os mariñeiros de Burela dedicáronlle a primeira costeira ao bonito no verán de 1924. Os barcos boniteiros foran construídos nos portos veciños de San Ciprián e Foz ou ben no País Vasco (Motrico e Zumaya).
A captura do bonito (peixe que migra desde as Illas Azores e segue a Corrente do Golfo ata Irlanda durante os meses de maio-xuño ata setembro-outubro) facíase mediante o emprego de artes tradicionais como o curricán e o cebo vivo.
Na pesca ao curricán ou cacea non se emprega ningún tipo de redes, senón que se recorre ao típico anzol, arrastrado pola superficie do mar e pendurado nunha serie de liñas. Os anzois levan uns engados que fan a función de cebo. Antigamente, estes “adornos” consistían nun anaco de tea de cor azul ou vermello, cuberta cunha folla de millo ripada (raiada) formando unha especie de escobilla con multitude de cerdas, que, ao desprazarse polo mar semellaban os movementos dun peixe pequeno. Na actualidade, este material natural foi substituído por polbiños de plástico de diferentes cores (invento xaponés?), que conseguen o seu obxectivo dunha forma máis eficaz.
Os anzois están fixados a uns fíos de metal chamados liñas, dado que a forza e o peso dos bonitos requiren unha resistencia considerable do material. Antigamente, en vez de metal utilizábanse liñas de arame?.
Como canas empréganse dúas varas de eucalipto, duns dezaoito ou vinte metros de lonxitude, abertas en abanico e cunha inclinación sobre a borda do barco de aproximadamente 20 grados. Cada vara leva cinco liñas e van situadas unha a cada costado do barco e unha terceira a popa. Unha vez largados os curricáns, os anzois saltan na superficie da auga chamando a atención dos túnidos. Son estas varas ás que dotan aos barcos boniteiros dunha aparencia característica.
A segunda maneira de pescar bonito é con cebo vivo e chámase ao “tanquedo” ou “ao tanque”, e tamén “aos viveiros”. Para esta modalidade os barcos dispoñen de viveiros (tanques) nos que conservan vivo o cebo empregado nas capturas, que é normalmente chicharriño, parrocha, bocartiño ou paparda, capturados a súa vez cunha rede de cerco.
Nesta arte, primeiro hai que procurar a carnada indo onde a haxa, normalmente nas praias de Francia (Burdeos). Unha vez no banco de peixe, fanse largas de rede que despois se halaban a man cando non había haladores hidráulicos; e mentres non estean cheos os viveiros con auga do mar non se paraba, aínda que se pasase neste oficio noite e día. Os viveiros son uns tanques grandes de aluminio nos que se cambia arreo a auga do mar, e alí se mete vivo o peixe cativo cos esquieiros ou zalabardos, directamente desde a rede.
Unha vez que se da co peixe que está repartido nunha zona moi grande no medio do mar, a sorte é ver unha trolleira onde salte cando come unha mancha de camarón ou paparda, a forza de boa vista e instinto, ou tamén cando o marca a sonda. Nos bancos de bonito están polo regular todos os pesqueiros do Cantábrico, na súa maioría bascos e galegos, algúns asturianos de Cudillero e santanderinos.
Con este sistema, o barco está parado e os mariñeiros dispoñen de canas cunha lonxitude de entre dous e cinco metros. Cando aferran bonitos (nalgunha das varas raposas de proa ou nas liñas de popa) o barco vira de contado e comézase a botar ao mar presadas de peixes vivos dos viveiros ata que se sente bulir e aboiar o bonito. Úsase entón un sistema de rega que fai unha especie de ducha de auga no costado, o cal deixa unha cortina de néboa e vapor para que o peixe non vexa a liña do anzol, que se fai case invisible debido aos chorros de auga lanzados. Cada mariñeiro vai a súa cana. Para cada dúas canas hai un gancheiro no medio, que ten que ser moi certeiro porque se cae un bonito ao mar, acabouse o choio.
Os rapaces do barco andan a correr coa carnada nun caldeiro para botala nas cazoletas con auga a cada caneiro para que se sirvan e encarnen nos anzós. Ademais, teñen que sacar a carnada dos viveiros cunhas gaiolas de rede como nasas para servir ao engadador, que é o que bota o cebo vivo ao mar para enganar ao peixe e afacelo a que coma. Os outros peixiños xa van nos amozuelos e eses son os que traen o peixe aferrado.
O bonito está como cego e come ao tolo con voracidade, de xeito que hai paradas en que se chegan a matar máis de cinco centos. O peixe vaise amoreando entre o carel e o equipo ata encher o calexón e as encaixonadas. Despois pásase de home a home aos caixóns de proa, onde se baldea. De alí lévase á neveira onde se garda entre o xeo nuns compartimentos feitos con táboas curtas de madeira que se chaman fondos.
As principais vantaxes da cacea ou do cebo vivo son a especificade das capturas, é dicir, non se dana de ningunha maneira ás especies nin se pescan peixes de menor tamaño do que se pretende capturar, e tamén destaca o respecto dos fondos mariños, que non sofren ningún tipo de alteración, xa que esta pesca realízase preto da superficie.
O contraste coas artes que utilizan mallas á deriva é enorme. Estoutro tipo de pesca está representado principalmente polas volantas de deriva, que non fan distinción entre especies e, como resultado, capturan todo tipo de animais mariños. Tamén danan de forma irreversible os fondos sobre os que se arrastra a rede. Ademais, o bonito capturado deste xeito resulta de menor calidade, xa que foi danado polas mallas da rede na que caeu. É por iso que se decidiu dotar ás capturas realizadas por medio da cacea dun distintivo que acredita o respecto ao medio ambiente e a calidade do produto.
Noutrora, a chegada dos barcos a porto facíase con moita frecuencia posto que carecían de neveiras, que non se incorporarían ata o ano 1940. Andábase pois, “ao día”, tanto no bonito como no arrastre, depositando o peixe capturado na cuberta. Desta forma, a pesca que non se vendía no momento, quedaba para consumo propio ou destinábase para abonar as terras, resultando moi mal aproveitado o traballo do mariñeiro. Unha vez instaladas as neveiras, había que proverse de xeo en Celeiro, en Ribadeo, na Coruña ou en distintos portos asturianos. Nun primeiro momento o xeo viña en barras sendo necesaria a súa molturación cunha máquina pero en seguida se pasou a subministrar picado.