Alfombras Florales

Burela, pobo costeiro da provincia de Lugo, celebra as súas festas na honra de San Xoán Bautista e a Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.

Ir a páxina de Facebook das Alfombras Florais de Burela

Unha curiosidade desta festividade é que non se celebra en ningunha das datas coincidentes co santoral, por motivos do traballo do mar, da costeira do bonito e para que estes homes podan acompañar á súa Virxe. Celébranse na primeira fin de semana do mes de xuño (coincidindo o primeiro domingo deste mes).

Un dos actos máis fervorosos e populares desta festa é a confección dunha alfombra floral o sábado desa primeira fin de semana. Despois da celebración litúrxica ás 21:00 horas, a Virxe do Carme engalanada sae a ombreiros de mariñeiros voluntarios e agradecidos e descende sobre ese mar de flores que veciños e veciñas anónimos, xoves e maiores, estudiantes e traballadores confeccionaron para Ela.

Dende hai anos, grupos de veciños adornan as rúas para o momento tan especial. Na primeira andadura adornaban só con espadanas, fiúncho e herba de Nosa Señora pero co paso do tempo, este acto de devoción e fe, foise perfeccionando e dende o 1994 comezouse a confeccionar unha alfombra unificada dende a Igrexa parroquial ata a entrada do porto, uns 3.600 metros cadrados, cheos de ilusións, ledicias, superacións, e tamén de traballo, pero traballo satisfactorio, dese que deixa bo sabor de boca.

A creación da alfombra comeza uns catro meses antes do día. Nun primeiro momento decídese unha temática para os tramos a elaborar, pero non é ata o mes de maio, mes das flores, cando o traballo se multiplica.

Mentres uns pasan os debuxos orixinais a cartón en escala para facer as plantillas, que ese día se sacan á rúa, outros encárganse de ir preparando o picado de verde e as flores.

É un proceso no que todo o pobo se implica; as xentes deixan os baixos das súas casas para as xuntanzas do picado, selección de flores,... persoas creativas que axudan a facer os debuxos, dependentas de tendas que meses antes van gardando caixas para a posterior selección, traballadores municipais que recorren quilómetros e quilómetros conseguindo verde para despois picar, xente anónima que dá uns cartiños para flores para a Virxe, maiores que non podendo xa axudar no traballo máis duro, achéganse cunha cafeteira para facer un descanso e rir, xente que coidando todo o ano o seu xardín deixa que as súas flores acaben nunhas caixas para un bo momento...

Nas tres primeiras semanas de maio a labor máis importante é o picado do verde, labor intensa e constante, para deixar todo listo para a última semana, a semana da flor.

Primeiro trátase a margarida, seleccionase a máis grande para poñer enteira e a máis pequena desfóllase, a mediados de semana empézase con todo tipo de flores: xeranios, hortensias, caraveis, bágoas,..para rematar o xoves e o venres coas rosas, que son as máis delicadas.

Tamén se preparan os tintes para dar as distintas tonalidades que se precisen, sobre todo en serrín e sal, posto que debido á data na que se confeccionan non hai moitas flores con eses tonos. Outros material que se usan son o caolín e o café, que nos van gardando durante un mes aproximadamente as cafeterías do pobo e que despois hai que cribar e secar ó sol.

A súa confección é traballosa, necesítanse de moitas mans e de moito tempo para a súa elaboración. Con ilusión e esforzo todos os anos se consegue, cada vez máis perfeccionada e minuciosa, pero sempre con ganas de mellorar, converténdose nun acto de devoción, culto e convivencia.