ONDAS LIMPAS
O Concello de Burela alíase co Burela Surf Club nesta iniciativa arredor do coidado medioambiental a través do deporte e da arte participativa. Ondas Limpas contou co financiamento do GALP A Mariña Ortegal a través do FEMPA, e desenvolveuse entre o 2024 e o 2025. O proxecto foi coordinado polo Centro de Educación Medioambiental GAIA.
O obxectivo de Ondas limpas foi o de sensibilizar á veciñanza co coidado da zona costeira, mediante un programa de actividades de sensibilización e acción ambiental, deportiva e artística, con especial enfoque na mocidade e no reforzo da participación das asociacións locais.
SENSIBILIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL
Un dos eixos do proxecto foi o da concienciación medioambiental, polo que Ondas Limpas iniciouse a través de saídas de recollida de refugallos nas praias da Marosa e o Perdouro. Nestas saídas participaron a Fundación Eu Son, nenas e nenos de Somos Verán, A Mariña sen Plástico, Saúde Mental A Mariña e o Burela Surf Club. Os refugallos atopados (na súa maioría plásticos e micro-plásticos, ademais de lixo de maior formato), foron almacenados para o seu posterior uso no mural artístico da Marosa.
A través desta actividade ao aire libre incorporamos novos hábitos, e integramos que para desfrutar da natureza tamén é preciso coidala.
BURELA SURFEIRA
No outono do 2024 visitaron Burela surfistas de alto nivel e recoñecemento internacional, para compartir coa comunidade a súa vivencia e comprensión dos océanos. Desfrutamos do relato da experiencia profesional de Eric Rebiere, surfista de Ondas XXL, e aprendimos sobre o funcionamento de eventos internacionais relacionados con este deporte. Así mesmo, o oceanógrafo e surfista Tony Butt compartiu, a través de xornadas técnicas, os seus saberes sobre os mares e os ventos, aplicados á práctica do surf. Tamén formou parte de Ondas Limpas Estitxu Extremo, surfista pioneira en Galicia.
Coa chegada da primavera, o Burela Surf Club desenvolveu grupos de iniciación a este deporte, conseguindo achegar a práctica do surf a persoas que non o probaran nunca, e estendendo os valores do coidado medio ambiental e respecto ao mar a través do deporte. Unha actividade que xerou moito interese entre a comunidade e esperamos poida consolidarse no territorio.
O MURAL DA MAROSA
Arte participativa con refugallos. O dúo artístico local, Belen Mogo e Martin Lestao, deseñaron e deron vida a unha nova obra artística en Burela, cos piares do coidado medio ambiental e do surf. Como é habitual na súa maneira de traballar, contaron con mans e ideas de moitas persoas: o alumnado dos CEIP Vista Alegre e CEIP Virxe do Carme, coa Asociación Camiña, a Fundación Eu Son e con Saúde Mental A Mariña, ademais dun obradoiro con distintas asociacións de mulleres e rapazada vinculada ao San Anibal. O Burela Surf Club participou tamén ao longo dos obradoiros, aportando a súa visión e dan cor e alegría ao local situado na Marosa.
UNHA XORNADA DE POSTA EN VALOR
Ondas Limpas concluíu nunha xornada na Marosa, onde Carmela López puxo en valor o nacemento deste proxecto por parte do Burela Surf Club, e destacou a boa marcha das actividades. Pola súa parte, Javier Martínez, presidente do GALP A Mariña Ortegal, animou á xente nova a promover proxectos relacionados coa economía azul. O Departamento GAIA, os artistas e o Club de Surf repasaron as actividades desenvoltas e a súa experiencia liderando este proxecto colaborativo. Contamos, ademais, co IES de Foz na elaboración dunha degustación de produto pesqueiro, fomentando o consumo de produto local e fresco. Por último, proxectouse o vídeo que resume Ondas Limpas, elaborado por Arracada Producións.































