• Galego
  • Español

XA ESTÁN Á VENDA AS ENTRADAS PARA GOZAR DE EL BARBERO DE SEVILLA, QUE CHEGARÁ A BURELA O 2 DE ABRIL. TRÁTASE DA ÚNICA REPRESENTACIÓN DESTA ÓPERA QUE A COMPAÑÍA LGAM OFRECERÁ NA PROVINCIA DE LUGO

Xa están á venda as entradas para a ópera El Barbero de Sevilla, que chegará a Burela o vindeiro 2 de abril ás 19 horas.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, dixo que “as entradas para gozar desta ópera de primeiro nivel no auditorio municipal de Burela xa se poden mercar en ataquilla.com”.

O edil burelés subliñaba o día da presentación deste evento que “El barbero de Sevilla é outra das grandes óperas, xa que está entre as oito mellores de todos os tempos, segundo os críticos musicais. É unha opera de Rossini que se considera bufa, en ton de comedia; das óperas bufas é a máis importante de todos os tempos sen ningunha dúbida. Estreouse en 1816 no teatro Argentina, de Roma, e a partir de aí representouse en innumerables ocasións en moitos teatros moi importantes de todo o mundo. É unha ópera accesible á maioría da xente; hai óperas complicadas de seguir, pero esta enténdese moi fácil: é unha relación entre dúas persoas e unha terceira que lles axuda a estar xuntos a pesar de que estea en contra outra persoa tamén importante na actuación; e as melodías son moi coñecidas”.

Díaz resaltou que “é a única representación desta ópera que a compañía LGAM ofrecerá na provincia de Lugo. Animamos aos amantes deste xénero a aproveitar esta oportunidade para achegarse a Burela”.