• Galego
  • Español

Xunta Local de Seguridade de Burela. Isabel Rodríguez e Alfredo Llano presiden a reunión coas forzas de seguridade na que se constatou que Burela rexistra un descenso na delincuencia

En 2021 a cifra de delitos foi un 9,5% inferior á que se rexistraba antes da pandemia
No primeiro cuatrimestre de 2022 descenderon tanto os delitos graves como os leves respecto ao mesmo período do ano pasado
A subdelegada alerta do aumento na cifra de denuncias por violencia de xénero
A taxa de criminalidade de Burela, que é de 23 por mil habitantes, está por debaixo da media provincial

Burela, 18 de maio de 2022.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, copresidiu hoxe, xunto co alcalde de Burela, Alfredo Llano, a Xunta Local de Seguridade que analizou a situación da seguridade cidadá e na que se constatou unha tendencia á baixa na delincuencia neste concello. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello participaron, ademais da subdelegada do Goberno e o alcalde, responsables de Seguridade do Concello, da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.
“Os datos son moi favorables e desexamos que se consolide esta disminución na criminalidade”, subliñou Isabel Rodríguez, que mostrou o seu agradecemento polo esforzo que están a facer as forzas e corpos de seguridade e advertiu, ademais, da importancia de proseguir nesa liña de traballo.
A subdelegada explicou que as estatísticas da Garda Civil reflicten unha tendencia favorable na evolución da seguridade en Burela, concello que tivo en 2021 unha taxa de criminalidade do 23,02 por mil habitantes, o que a sitúa por baixo da media da provincia, de Galicia e de España. Con respecto á provincia, que é unha das provincias máis seguras de España, a taxa de criminalidade de Burela é inferior en 1 punto.
Outro aspecto favorable é o descenso da delincuencia respecto a situación existente antes do comezo da pandemia, pois ao comparar os datos de 2021 cos do ano 2019 compróbase que descendeu o número de delitos un 9,58%, ao pasar de 240 infraccións penais no ano 2019 a 217 no 2021. A subdelegada explicou que os datos de 2020 non se consideran representativos dada a situación excepcional orixinada pola declaración do estado de alarma e as restriccións á mobilidade motivadas pola pandemia.
Rodríguez destacou que a diminución na cifra de delitos afectou tanto aos catalogados como graves e menos graves, que experimentaron unha baixada do 17,89%, como aos leves, que tiveron un lixeiro descenso, do 0,85%.No caso dos graves e menos graves, aumentaron tanto os delitos contra a liberdade sexual como as falsedades. En ambos os casos foron 5 os feitos delictivos rexistrados. Pola contra, descenderon os delitos contra o patrimonio e os cometidos contra as persoas.
VIOLENCIA DE XÉNERO
A subdelegada do Goberno alertou, en cambio, sobre o aumento rexistrado nas denuncias de violencia de xénero, ás que se dedicou unha mención especial na Xunta Local de Seguridade. Neste caso, as estatísticas da Garda Civil recollen que en 2021 producíronse 17 denuncias por violencia de xénero. Foron 3 máis que o ano anterior. E no que levamos de 2022 xa son 5 as denuncias por violencia machista.
DELINCUENCIA EN 2022
Na xuntanza tamén se avanzaron os primeiros datos sobre a seguridade cidadá no que levamos de ano. A subdelegada informou de que nos catro primeiros meses do ano mantense a tendencia á baixa na cifra de feitos delictivos. Este ano, entre xaneiro e abril computáronse un total de 56 infraccións penais, por 80 do ano pasado no mesmo período. A diminución mantense tanto no referido a delitos graves e menos graves, que pasaron de 34 a 26, como aos leves, de 46 a 30.
A subdelegada felicitouse por estes datos, pero lembrou que “queda aínda moito ano por diante, así que debemos manter a prudencia e insistir no traballo para garantir a seguridade dos veciños e a convivencia no concello de Burela”.
PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE
A Xunta Local de Seguridade pasou revista tamén ao labor realizado pola Garda Civil dentro do Plan Director para convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos de Burela. A subdelegada explicou que grazas ao esforzo do equipo de formadores da Garda Civil e das comunidades educativas, no curso escolar 2020/2021 foi posible celebrar 15 charlas, a maioría telemáticas, nos centros educativos de Burela.
No curso actual xa se impartiron 33 charlas e están previstas 4 actividades máis para o que resta de meses lectivos. Das que xa se celebraron, as temáticas que están a suscitar máis demanda nos centros escolares son as referidas a ciberseguridade e aos riscos que supoñen para nenos e mozos os distintos tipos de adiccións, tanto ao alcol e drogas como ás apostas e aos videoxogos. Outros temas abordados na programación son os referidos a igualdade e violencia de xénero, acoso escolar e ciberacoso e bandas xuvenís.