• Galego
  • Español

Xacarandaina levará a Burela unha mostra do folclore galego este domingo 19 de xullo dentro do programa Danza3

  • A actuación terá lugar ás 19.00 horas na praza da Mariña e achegará ao público unha selección de bailes, músicas e traxes tradicionais de Galicia

Burela, 14 de xullo de 2026. O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina actuará este domingo 19 de xullo, ás 19.00 horas, na praza da Mariña de Burela, nunha actuación incluída no programa Danza3.

Durante o espectáculo, a formación ofrecerá unha mostra de distintos bailes, músicas e traxes tradicionais de Galicia, elementos que forman parte do Patrimonio Cultural Inmaterial galego. A piques de cumprir 50 anos de traxectoria, Xacarandaina está considerado un referente na conservación, divulgación e dignificación do folclore galego.

A actuación chega a Burela grazas ao programa Danza3, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Federación XOC.

A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, destacou a importancia de contar con esta actuación na programación cultural do municipio. “É unha satisfacción poder traer a Burela unha agrupación do prestixio de Xacarandaina. Apostar pola música e o baile tradicional é apostar pola nosa identidade e por manter vivo o noso patrimonio cultural a través de espectáculos de gran calidade”, sinalou.

“Ademais, este tipo de actuacións tamén serven para poñer en valor o importante traballo que desenvolven durante todo o ano as asociacións de música e baile tradicional do noso concello. Agardamos que a praza da Mariña volva encherse para gozar dunha tarde de cultura e tradición galega”, engadiu a concelleira.