• Galego
  • Español

Xa ondea en Burela a bandeira “Sendeiro Azul” que concedeu a ADEAC pola Ruta do Litoral desde o Cantiño á Marosa

O galardón outorgado este ano 2022 ao Concello de Burela distingue ao municipio pola protección e educación medio ambiental

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, izaron esta mañá a bandeira na praza do Concello

Agradeceron á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor polo galardón, así como ao persoal do concello, desde socorristas, Protección civil ou Gaia, así como á veciñanza polo compromiso e respecto coa natureza


Burela, 17 de xuño de 2022.-  Esta mañá o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, izaron a bandeira que recoñece ao municipio co galardón “Sendeiro Azul” outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

O recoñecemento concedido neste ano 2022 destaca a “Ruta do Litoral Burelés” que descorre ao longo da costa burelá, entre as praias do Cantiño e a Marosa, poñendo en valor unha vez máis a localidade no contexto comarcal, provincial, autonómico, nacional e internacional, como punto de referencia na protección e educación ambiental. 

Ademais, tamén vén a destacar a calidade da prestación de servizos e o desenvolvemento sostible do sector turístico a través de prácticas que fomentan o coidado do medio ambiente.

Tanto Llano como Eijo quixeron facer un agradecemento á ADEAC, sen esquecer “a todo o persoal desta administración local, socorristas, Protección Civil, Policía Local, e monitoras do Centro de Educación Medio Ambiental Gaia polo seu labor”, agradecendo tamén a “toda a veciñanza burelá e a todas as persoas que nos visitan acotío o seu compromiso e o seu bo actuar”.

Neste senso, hai semanas que a ADEAC destacou tamén a Burela entre os tres mellores concellos en educación e información mediombiental de toda España, unha distinción que se fundamenta no traballo constante do concello por inculcar nos distintos sectores da poboación a perspectiva da ecoloxía e o respecto ao medio.