• Galego
  • Español

Unhas 90 empresas solicitaron en Burela as axudas para aliviar o peche de actividade pola Covid-19

O Concello de Burela concretou que “preto de 90” pequenas empresas e autónomos do municipio solicitaron as axudas establecidas polo goberno local para aqueles negocios que se viron afectados por peches ocasionados polo covid-19.

O alcalde, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “estamos recibindo diariamente a petición destas axudas que o Concello de Burela quere aplicar, dentro das súas posibilidades, para axudar o máximo posible aos autónomos e aos comerciantes pola situación de falta de actividade provocada polo coronavirus”.

O rexedor lembrou que “o xoves desta semana, o día 17, remata o prazo para solicitar estas axudas. Esperemos que todo o mundo teña algunha contía. O máximo por solicitante son 700 euros, pero hai que buscar a maneira de sacar o máximo posible para poder facer fronte a aqueles gastos derivados coas fórmulas que están determinadas xa pola normativa para poder ser aplicadas”, explicou.

Llano indicou que “o Concello de Burela, dentro das súas posibilidades porque houbo que mirar moito polo miúdo para poder aplicar a normativa, saca estas axudas que no seu conxunto suman 125.000 euros”.

OBRAS NA RÚA CELSO EMILIO FERREIRO

Por outra banda, o Concello segue a executar obras en varias rúas e beirarrúas da vila. As actuacións que se levan a cabo na rúa Celso Emilio Ferreiro rematarán “a vindeira semana“, segundo a previsión do goberno municipal.

Llano contou que “estes días estamos executando varias obras, de asfaltado sobre todo, en varias rúas. Sei que provocan nalgún momento algún tipo de molestia, pero tamén teño que dicir que a celeridade é máxima, que estamos procurando rematar o antes posible, e desde logo facelo da mellor maneira”, argumentou.

O rexedor burelés explicou que “está moi avanzada a obra en Celso Emilio Ferreiro. Esta obra íase culminar esta semana, pero derivado das choivas que se prevén posiblemente quede o asfaltado, que é o remate final, para a semana que vén. Pero estáselle dando celeridade e tamén se fixo unha canalización nova de residuais para mellorar a separación da recollida de augas pluviais e residuais. O asfaltado era moi agardado, realmente necesitábase”, concluíu.

 

Fonte: Xornal da Mariña