O talento burelao destaca nos premios Mestre Mateo
- O Concello de Burela felicita a Nuno Pico, Manolo Maseda, Breixo Llano, Santi Jul e Iván Laxe polas súas candidaturas
Burela, 4 de febreiro de 2026. O Concello de Burela traslada a súa felicitación aos creadores vencellados á vila que son candidatos aos Premios Mestre Mateo, os galardóns máis importantes do audiovisual galego, poñendo de manifesto unha vez máis o talento cultural que nace e medra en Burela.
Nuno Pico, membro do grupo Grande Amore, figura entre os candidatos aos Mestre Mateo na categoría de Mellor Videoclip polo da canción da súa banda "Ontes fun moi malo", dirixido por Xaime Miranda e lanzado da man do selo Ernie Records.
O Concello felicita tamén ao burelao Breixo Llano, candidato a Mellor Realización polo seu traballo en ‘Cos Pés na Terra’, así como a Manolo Maseda, candidato a Mellor Documental como director de ‘Ao son da nova regueifa’.
Por último, Santi Jul e Iván Laxe, tamén de Burela, son candidatos ao premio Mellor Música Orixinal por 'Bibopalula', unha animación infantil que está ademais nominada a Mellor Serie de Televisión.
Dende o Concello de Burela quérese poñer en valor o labor destes creadores e o impacto positivo que este tipo de recoñecementos ten na visibilidade da cultura galega e no orgullo colectivo da veciñanza.
O Concello continuará apoiando e promovendo iniciativas culturais que acheguen á cidadanía o traballo dos e das creadoras locais, como a próxima proxección en Burela do documental ‘Ao son da nova regueifa’ e a representación da obra teatral ‘Territorio Regueifa’ no Auditorio Municipal o vindeiro 23 de maio.