O Recuncho Multicultural pon banda sonora á diversidade burelá
- Unha playlist reúne as cancións propostas polo tecido asociativo da vila, cunha selección aberta a novas achegas da veciñanza
Burela, 21 de xullo de 2026. A diversidade de Burela tamén está presenta na música que se escoita. Por iso, dende o Recuncho Multicultural do Concello de Burela encargáronse de crear unha playlist que recolle parte das músicas que forman parte da realidade social e cultural do municipio. O listado, que estará dispoñible na páxina web municipal nun apartado específico do Recuncho Multicultural, nace da colaboración das asociacións e colectivos da vila.
A selección combina música galega con artistas e ritmos doutros países presentes na vida cotiá da vila. Entre as propostas atopamos temas de artistas galegos como Ortiga, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras, Baiuca, Xabier Díaz ou Leilía, xunto con músicas de Cabo Verde, Senegal, Perú, Marrocos e doutros lugares do mundo, reflectindo a diversidade cultural que caracteriza ao municipio.
Na elaboración da playlist participaron entidades e colectivos como a ACM Arume, Raíces Peruanas, ASPEBU, a ACM Dambara, o grupo Batuko Tabanka, DJ Senín e o propio Concello de Burela, que foron achegando as cancións que consideran representativas da diversidade musical presente na vila.
O tenente de alcaldesa de Burela e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destaca que "esta playlist é un paso máis dentro do traballo que estamos desenvolvendo dende o Recuncho Multicultural para dar visibilidade á diversidade cultural de Burela tamén a través da música". Ademais, sinala que "o resultado é posible grazas á implicación das asociacións e colectivos da vila, que achegaron as súas propostas e contribuíron a construír unha selección que representa a pluralidade cultural do noso concello".
Unha inicitiva que se mantén aberta á participación
Tanto a veciñanza como colectivos que desexen incorporar novas cancións á playlist poden facer as súas propostas de maneira presencial ou enviándoas ao correo electrónico integracioninmigrantes@burela.org.
Dende o Concello de Burela quixeron agradecer a colaboración de todas as persoas e entidades que participaron na elaboración do listado e animan á veciñanza a seguir enriquecendo esta playlist con novas propostas.