O Presidente da República de Cabo Verde recibe a Carmela López no Palacio Presidencial
- O encontro serviu para avaliar os progresos realizados nos trámites consulares que afectan á diáspora caboverdiana na provincia de Lugo, abrir novas vías de colaboración institucional e avanzar en proxectos educativos e sociais dirixidos á comunidade caboverdiana e ás novas xeracións
Burela, 14 de marzo de 2026. O Presidente da República de Cabo Verde, José María Neves, vén de recibir á Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, no Palacio Presidencial con motivo da súa visita institucional ao país africano. Un xesto que responde ao convite que o mandatario caboverdiano lle fixera durante a súa última visita a Burela, no ano 2024.
Durante o encontro, ambas autoridades analizaron os avances producidos desde aquela primeira reunión, especialmente no relativo ao traballo desenvolvido en materia consular, que o propio Presidente contribuíu a axilizar desde aquel momento a proposta de López.
“Os avances son importantes, pero precisamos unha maior implicación para atender axeitadamente as demandas da poboación caboverdiana residente na nosa provincia, facilitar os trámites administrativos e consulares e dar unha resposta máis eficiente ás necesidades desta comunidade”, sinalou López.
Nese sentido, agradeceu a boa disposición mostrada para atender as súas solicitudes e valorou o compromiso de continuar mellorando os trámites administrativos e de reforzar a presenza da Embaixada de Cabo Verde en España na provincia de Lugo.
Por outra banda, o Presidente puxo en valor o traballo en materia de cooperación que desenvolve no territorio caboverdiano o Goberno de España, que contribuíu á rehabilitación de espazos, á coordinación de proxectos de emprendemento e á implantación da Axenda 2030 no país. A este respecto, Neves aproveitou o encontro para abrir vías de colaboración entre a institución provincial e o seu goberno.
Así mesmo, Neves interesouse polo II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, celebrado na cidade de Praia e no que está a participar estes días Carmela López, centrado no papel da muller no poder local. Trátase dun foro impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e pola Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV).
O mandatario caboverdiano mostrou un especial interese polas conclusións e pola declaración final deste encontro institucional, que reuniu a responsables municipais e institucionais de Galicia, Mozambique e Cabo Verde co obxectivo de fortalecer as relacións de cooperación e diálogo entre territorios.
Secretaria de Estado do Ministerio das Comunidades.
A visita institucional incluíu tamén un encontro coa Secretaria de Estado do Ministerio das Comunidades, Vanuza Francisca Correia Teixeira Barbosa, celebrado na sede do propio Ministerio. Durante esta reunión, ambas responsables intercambiaron impresións e analizaron diferentes vías de colaboración para reforzar as relacións coa diáspora caboverdiana, así como para dar a coñecer e promover entre a comunidade residente en Lugo as iniciativas e programas que impulsa o Ministerio.
Neste sentido, estudouse a posibilidade de desenvolver proxectos de promoción das iniciativas do Ministerio das Comunidades dirixidas especificamente á poboación caboverdiana asentada na provincia de Lugo, un territorio que conta cunha presenza especialmente significativa desta comunidade e que mantén históricos vínculos sociais, culturais e económicos con Cabo Verde.
Ademais, abordouse a posta en marcha de posibles proxectos conxuntos orientados á poboación máis nova, co obxectivo de contribuír a mellorar o rendemento escolar e favorecer a continuidade dos estudos entre a mocidade caboverdiana residente en Galicia. Estas iniciativas buscarían incorporar tamén compoñentes motivacionais e de acompañamento educativo que permitan reforzar as expectativas académicas e profesionais das novas xeracións.
A presidenta da Deputación de Lugo destacou durante os encontros a importancia de continuar reforzando os espazos de cooperación institucional e de diálogo permanente entre administracións, co fin de seguir construíndo pontes entre Galicia e Cabo Verde e de apoiar ás comunidades que comparten unha relación histórica e humana moi estreita.