O Pleno do Concello de Burela aproba a nova Relación de Postos de Traballo
- A proposta saiu adiante no pleno extraordinario celebrado hoxe despois dun proceso de negociación coa representación sindical
Burela, 21 de maio de 2026. O Concello de Burela aprobou inicialmente esta mañá a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento organizativo que o municipio levaba intentando sacar adiante dende o ano 2007.
A proposta aprobada recolle un expediente completo que inclúe o organigrama administrativo, as fichas descritivas dos postos, a valoración dos postos de traballo, o cadro resultante da RPT, o manual de valoración e o plan de promoción interna.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, definiu a xornada como “un día histórico para o Concello de Burela” e destacou a importancia do paso dado tras case dúas décadas de intentos.
“Hoxe non só aprobamos unha RPT, senón que poñemos fin a case 20 anos de espera. Ordenamos a casa por dentro para que Burela funcione mellor por fóra; sendo esta unha conquista do persoal municipal, dos representantes sindicais, do equipo técnico e de todas as persoas que contribuíron durante este tempo a sacar adiante un documento imprescindible para o correcto funcionamento do Concello”, afirmou a rexedora.
Nesta liña, a alcaldesa destacou que a proposta foi construída a través do diálogo e da negociación coa representación sindical, acadando apoio unánime na Mesa Xeral de Negociación nas diferentes fases da súa tramitación.
Dende o goberno local insisten en que a Relación de Postos de Traballo responde a criterios técnicos, coa análise individualizada de cada posto segundo as súas funcións, responsabilidades, requisitos e características específicas e consideran que esta aprobación inicial supón un avance importante para seguir modernizando a administración local, mellorar a organización interna e adaptar a estrutura municipal ás necesidades actuais do Concello.