• Galego
  • Español

O Pleno de setembro abordará a regularización de pagamentos pendentes e a Conta Xeral de 2025

  • O Concello continúa avanzando na actualización e ordenación da contratación municipal, con diferentes licitacións e procedementos xa en marcha

Burela, 22 de setembro de 2026. O Concello de Burela celebrará este xoves, 24 de setembro, ás 20.00 horas, o Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Entre os asuntos da sesión figuran a Conta Xeral de 2025 e tres expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito para regularizar pagamentos pendentes por servizos e subministracións xa realizados.

Os tres expedientes ascenden a 341.108,24 euros, 9.070,33 euros e 19.337,55 euros. O de maior importe corresponde fundamentalmente a servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a limpeza de edificios municipais e a recollida de lixo e limpeza viaria. O segundo agrupa diversas obrigas de menor contía correspondentes ao exercicio 2025 e o terceiro, de 19.337,55 euros, corresponde á subministración eléctrica.

“Temos pagamentos pendentes que debemos regularizar e afrontar. Son servizos que foron prestados e, ao mesmo tempo que tramitamos esas obrigas, estamos traballando para ordenar as situacións que están detrás delas e actualizar progresivamente a contratación municipal”, explica a alcaldesa, Carmela López.

Neste sentido, o Concello está inmerso na licitación de grandes servizos como o SAF e a recollida de lixo e limpeza viaria, ademais de traballar na regularización da contratación da limpeza de interiores. Nalgúns destes casos existen prestacións que continuaron unha vez superado o prazo dos contratos anteriores ao tratarse de servizos que non poden deixar de prestarse.

No caso do SAF, o procedemento de licitación continúa a súa tramitación despois do recurso presentado por CCOO ante o TACGAL e da resolución deste órgano, á que o Concello dará cumprimento para poder continuar co expediente.

O caso da subministración eléctrica

A subministración eléctrica presenta unha situación singular pola complexidade da súa contratación e polo seu carácter imprescindible e continuado. Para avanzar na súa ordenación, o Concello solicitou a colaboración da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación de Lugo para recibir asistencia no proceso de adhesión ao contrato centralizado da FEMP para a subministración eléctrica.

O Concello xa vén empregando fórmulas de contratación centralizada noutros ámbitos: o servizo de Correos canalízase a través da Fegamp, mentres que a xestión de sancións se realiza a través da FEMP, entidade a través da que tamén se está tramitando a contratación dos seguros municipais.

“Non é un proceso que comece agora nin que se poida resolver dun día para outro. Os procedementos administrativos foron evolucionando e o Concello foise adaptando a eles. Queremos seguir avanzando cara a unha contratación e uns procedementos cada vez máis ordenados e formais desde o inicio”, sinala López.

A orde do día inclúe tamén a aprobación da Conta Xeral de 2025, que completou o seu período de exposición pública sen reclamacións nin alegacións, así como outros asuntos económicos e administrativos que serán sometidos á consideración da Corporación.