O Molde do Faro de Burela acollerá visitas guiadas gratuítas
- A intervención artística de David Catá poderá visitarse os martes en diferentes horarios, con grupos limitados e acceso de balde
Burela, 6 de maio de 2026. O Concello de Burela pon en marcha un programa de visitas guiadas ao Molde do Faro para coñecer de preto este espazo artístico e o seu significado.
No interior do Molde do Faro atópase a obra ‘La piel del mar’, realizada polo artista David Catá no marco do proxecto ‘Burela Alumea | O Espello do Faro’, pintada sobre a estrutura metálica empregada na reconstrución do faro de Pena Burela tras o temporal do 2014, que causou desperfectos.
As visitas guiadas, que teñen unha duración aproximada de 30 minutos, realizaranse os martes ás 10:30, ás 11:30, ás 12:30 e ás 16:30 horas. A visita é gratuíta, cun máximo de 20 persoas por grupo, e require reserva previa a través da páxina web reservasmoldedofaro.burela.org, cunha antelación mínima de 24 horas.
Para grupos organizados, como centros educativos, asociacións ou colectivos, as reservas deberán xestionarse a través do teléfono 694 312 105 ou do correo electrónico visitasmoldedofaro@burela.org.