O Mercado e Rastro de Nadal de Burela bate récord de participación con 80 solicitudes de inscricións
Burela, 24 de novembro de 2024. O Mercado e Rastro de Nadal de Burela, que se celebrará o sábado 28 e o domingo 29 de novembro, de 10:30 a 20:30 horas, chega este ano cunha participación récord. En total, rexistráronse arredor de 80 solicitudes de postos, a cifra máis elevada ata o momento, o que levou a organización a ampliar os espazos dispoñibles e habilitar tamén o interior da Praza de Abastos, situadas xunto á carpa principal da Praza da Mariña.
Finalmente, serán máis de 60 os postos participantes, repartidos entre a carpa principal e o espazo interior da Praza de Abastos. Esta ampliación permitirá dar cabida a un maior número de persoas participantes e ofrecer á veciñanza unha proposta comercial e de lecer máis ampla.
A participación destaca tamén pola súa procedencia diversa, con postos chegados de diferentes puntos de Galicia, como Ourense o Ferrol, e mesmo de Asturias, o que evidencia o atractivo que está a acadar o mercado e a súa capacidade para atraer participantes de fóra da comarca.
O mercado contará cunha gran variedade de produtos e propostas: artesanía, decoración de Nadal, xoguetes, produtos de elaboración propia, alimentación artesanal, libros e artigos de segunda man, entre outros. Unha oportunidade para adiantar as compras de Nadal, descubrir produtos singulares e apoiar o comercio, a creatividade e o traballo das persoas artesás e produtoras.
Como complemento á oferta dos postos, o sábado pola mañá de 11.30 a 13.30 h a Praza de Abastos acollerá tamén actividades infantís coa colaboración de Gaia, con globoflexia, tatuaxes e caretas de Nadal.
A programación cultural terá tamén un espazo destacado coa presentación do libro "Burela", de Efigênio Moura, publicado por Através. O encontro terá lugar o sábado 28 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Plenos, e contará coa participación do autor e do profesor Bernardo Penabade. A obra ofrece unha mirada sobre Burela e a súa realidade intercultural, contribuído a retratar a identidade e a convivencia que caracterizan a vila.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, amosou a súa satisfacción por contar, por segundo ano consecutivo, cunha presentación editorial vinculada directamente a Burela dentro da programación do mercado, unha oportunidade para dar a visibilidade á creación e á realidade cultural local.
"Estamos moi satisfeitas coa resposta que tivo a convocatoria deste ano. Chegar a arredor de 80 solicitudes demostra o interese que esperta esta iniciativa e tamén a consolidación do mercado como unha cita importante do Nadal en Burela. Precisamente por esa elevada demanda decidimos ampliar os espazos e incorporar a Praza de Abastos, para que máis participantes poidan formar parte do mercado e para ofrecer á veciñanza unha experiencia aínda máis completa", sinala Gómez.
A concelleira tamén quixo destacar e agradecer especialmente a colaboración da Asociación Esperanza: "Quero agradecer de maneira especial o traballo e a implicación da Asociación Esperanza, que nos axusta na organización e é unha parte fundamental para que esta iniciativa saia adiante. É moi importante contar coa colaboración do asociacionismo local, que sempre este disposto a sumar e a botar unha man na dinamización cultural e social da nosa vila".
O Mercado e Rastro de Nadal consolídase así como unha das citas destacadas da programación de Nadal de Burela, combinando compras, artesanía, cultura, actividades infantís e ambiente festivo para todos os públicos.