• Galego
  • Español

O Hospital da Costa habilita un punto de doazóns de sangue os próximos 2 e 4 de maio destinadas ao proxecto “Minerais contra o cancro”, co que colabora o Concello de Burela

Poderán acudir a doar sangue de xeito voluntario persoas de entre 18 e 80 anos os días 2 e 4 de maio en horario de 8 a 10:30 horas

O Concello de Burela colabora con esta iniciativa que pretende ampliar a súa base de datos con mostras para analizar os niveis de minerais na sociedade lucense

Existe unha relación entre algunhas deficiencias minerais e certos tumores, polo que o obxectivo primeiro é estudar o perfil mineral das persoas sen doenzas

Burela, 20 de abril de 2022.-  O proxecto “Minerais contra o cancro”, impulsado pola Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC xunto co Hospital Universitario Lucus augusti (HULA), recollerá en Burela e outras localidades da Mariña doazóns de sangue voluntarias para realizar analíticas e avaliar os niveis de minerais da poboación no marco desta investigación.

O alcalde, Alfredo Llano, vén de informar que se habilitará un punto de doazóns de sangue voluntarias no Hospital da Costa os vindeiros 2 e 4 de maio, en horario de 8 a 10:30 horas. “Animamos a toda a veciñanza de entre 18 e 80 anos, a participar e doar o seu sangue para ampliar o campo estatístico e facilitar o estudo que están a desenvolver ao abeiro deste proxecto”, subliñou o rexedor, engadindo que “é unha obriga para o concello colaborar neste tipo de iniciativas que redundan en beneficio de toda a poboación”, destacando “a boa relación que mantemos coa universidade , coa que firmaremos un convenio nesta liña e temos outros vixentes como o que fixo posible a posta en marcha dos hortos urbanos, tratando sempre de sumar na investigación científica e na promoción de traballos respectuosos co medio ambiente e coa nosa saúde”. 

“Minerais contra o cancro”, proxecto que se xestou na Facultade de Veterinaria, enmárcase dentro da nomeada ciencia solidaria, na procura de investigar fondamente o potencial que poden desenvolver os microminerais nos doentes oncolóxicos da provincia de Lugo. Neste senso, está comprobada a existencia dunha estreita relación entre algunhas deficiencias minerais e certos tumores, como é o caso do selenio nos de mama e próstata. 

Para seguir coa investigación e “axudar ás persoas que padecen algunha destas enfermidades”, desde o proxecto indican que precisan “estudar o perfil mineral dos individuos sans da provincia de Lugo”, motivo polo cal piden implicación e participación cidadá, neste caso de Burela e, en xeral, da Mariña, posto que tamén estarán o 2 de maio no Centro de saúde de Viveiro e o 4 de maio no Centro de saúde de Ribadeo, ambos días de 11 a 13 horas.