• Galego
  • Español

O GRUPO DE PARTICIPACIÓN ADOLESCENTE DO CONCELLO DE BURELA ORGANIZA A BUSCA DO TESOURO PARA COLABORAR E ANIMAR O ENTROIDO.

Burela, 9 de febreiro de 2022. O grupo de participación adolescente do Concello organiza a Busca do Tesouro para colaborar e animar o Entroido. Será o 25 de febreiro.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explica que “se trata de superar varias probas polo pobo e encontrar o tesouro agochado. A actividade terá lugar o 25 de febreiro, que é venres, a partir das sete da tarde e ata as dez da noite aproximadamente. É apta para todas as idades e dará comezo na Praza de Abastos”.

Os requisitos para participar son os seguintes: grupos dun máximo de 5 persoas; os menores de 12 anos deberán estar acompañadxs por unha persoa adulta; e ir disfrazadxs.

O grupo gañador recibirá como premio unha comida ou cea no Boas Migas (para os e as integrantes do grupo, máximo 17 euros por persoa, tendo que ir todos e todas xuntas e nun prazo máximo de 3 meses). E tamén entradas e merchandising do Festival Osa do Mar (para as persoas que integren o grupo, máximo 5).

E o grupo mellor disfrazado será obsequiado con entradas para disfrutar dos partidos que disputen os equipos feminino e masculino do CD Burela FS durante o que resta da tempada regular 2021-2022 (para as persoas que integren o grupo, máximo 5 entradas para o feminino e 5 para o masculino).

Os grupos interesados en participar na Busca do Tesouro poden inscribirse xa no seguinte whatsapp 676 81 60 90 ou no correo electrónico info@branqueasociacioncultural.com

Dende Branque Asociación Cultural e dende o Grupo de Participación Adolescente agradecen “enormemente ao Concello de Burela, CD Burela FS, Boas Migas, Fanto Fantini e Osa do Mar a súa colaboración para facer posible esta actividade”.

Carmela López engade que “deste xeito iniciamos o Entroido en Burela da man do Grupo de Participación Adolescente. Animamos ás veciñas e veciños do noso pobo a disfrutar desta actividade e de toda a programación preparada para eses días, tendo sempre en conta as normas sanitarias en vigor en cada momento”.