O Grupo de Participación Adolescente de Burela prepara a súa participación na Xornada de UNICEF no Parlamento Galego
Burela, 9 de novembro de 2026. O Grupo de Participación Adolescente (GPA) celebrou a pasada semana unha nova reunión para preparar o Día Mundial da Infancia e a súa participación na Xornada de UNICEF no Parlamento Galego, que terá lugar o vindeiro 20 de novembro.
Nesta ocasión, o grupo será un dos participantes que intervirá na xornada para falar sobre o dereito á educación. Para comezar a traballar neste tema, as e os adolescentes participaron nunha partida de Memory, nunha edición especial de UNICEF sobre os dereitos da infancia, e visualizaron un vídeo que lles permitiu coñecer diferentes realidades arredor do acceso á educación en distintas partes do mundo.
A través destas actividades, o grupo comezou a preparar as ideas e reflexións que compartirá no Parlamento Galego, nunha xornada na que poderá participar, aprender e dar a coñecer a súa propia visión sobre os dereitos da infancia.
Mario Pillado, tenente de alcaldesa de Burela, explicou que "estas reunións tamén son unha oportunidade para aprender cousas novas, compartir opinións e preparar xuntos e xuntas o que queremos contar no Parlamento. É importante que se escoite o que pensan os adolescentes sobre temas que tamén nos afectan directamente".