O Grupo de Participación Adolescente de Burela participa nunha xornada de surf
Burela, 10 de xullo de 2026.- Os rapaces e rapazas do Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela participaron hoxe nunha actividade de surf organizada polo Concello de Burela, en colaboración co club de surf local.
A xornada desenvolveuse no marco do proxecto Xeración Peixe, unha iniciativa impulsada pola Fundación Expomar e financiada polo GALP A Mariña-Ortegal, na que os integrantes do GPA veñen participando ao longo dos últimos meses.
A actividade de surf foi un agasallo pola súa participación no proxecto, co obxectivo de ofrecerlles unha xornada de lecer e convivencia vinculada ao mar. Durante a sesión, os mozos e mozas tiveron a oportunidade de iniciarse na práctica deste deporte e coñecer algunhas das súas nocións básicas.
O Grupo de Participación Adolescente é un espazo promovido polo Concello de Burela para favorecer a participación da mocidade na vida municipal, recoller as súas propostas e implicala en diferentes proxectos e iniciativas de carácter social, cultural e educativo.
Pola súa parte, Xeración Peixe busca achegar ás novas xeracións á realidade do sector pesqueiro e á identidade mariñeira de Burela, traballando cuestións relacionadas coa sustentabilidade, a cultura do mar e a importancia económica e social da actividade pesqueira.
A xornada permitiu completar a súa participación no proxecto cunha experiencia lúdica e deportiva estreitamente ligada á contorna costeira de Burela.