• Galego
  • Español

O Grupo de Participación Adolescente avanza nun novo proxecto interxeracional

  • O GPA celebrou unha nova reunión na que iniciou a planificación de actividades mentres continúa a ampliación de recursos na aula de xogo da Casa da Xuventude

Burela, 6 de febreiro de 2026. Onte tivo lugar unha nova reunión do Grupo de Participación Adolescente (GPA), na que os seus membros comezaron a traballar na preparación das actividades dun novo proxecto de carácter interxeracional.

A sesión combinou o traballo participativo cun espazo de lecer, e, neste sentido, a aula de xogo da Casa da Xuventude incorpora dende comezos de ano unha nova alternativa: unha mesa de billar, que está dispoñible para toda a mocidade de forma gratuíta.

O acceso á aula de xogo é libre dentro do horario da Casa da Xuventude: de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e de tarde, de luns a xoves, de 17:00 a 20:00 horas.

O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, sinalou que “este tipo de iniciativas reforzan a participación da mocidade nos espazos municipais e permiten combinar o traballo colectivo con actividades de carácter lúdico”. Pillado destacou tamén que “a incorporación de novos recursos á Casa da Xuventude responde á vontade de ofrecer alternativas accesibles e atractivas para a xente nova”.