• Galego
  • Español

O edil de Turismo, Ramiro Fernández, acudirá este sábado á Feira de Abril convidado polo Lar Gallego de Sevilla, que dedica a súa caseta este ano a Burela

O Concello destaca que é unha moi boa oportunidade para promocionar a localidade a nivel turístico

Fernández Rey acudirá convidado á tradicional “Cena del Pescaíto” e levará ata o lugar motivos mariñeiros, redes, vinilos e mesmo un cadro pintado de Burela

Desde o goberno local agradecen o convite por parte do Lar Gallego de Sevilla e a ocasión de que se dea a coñecer no sur a cultura da Mariña 


Burela, 29 de abril de 2022.-  O Lar Gallego de Sevilla dedica este ano a súa caseta na Feira de Abril ao municipio de Burela, lugar ao que acudirá este sábado 30 de abril o edil de Turismo, Ramiro Fernández Rey, convidado pola entidade á tradicional “Cena del Pescaíto”.

O goberno local aproveitará o convite para facer promoción turística do municipio no evento, con motivos mariñeiros, redes, vinilos e mesmo un cadro pintado de Burela.  

Fernández Rey agradeceu ao presidente do Lar Gallego de Sevilla, José Antonio Otero Fernández,  “a oportunidade que supón esta invitación e a iniciativa de dedicar á nosa localidade a súa caseta, pois contan con máis de 800 socios e unha das casetas máis grandes de entre as máis de mil que hai na feira, e polas que pasará moitísima xente”.

O edil de Turismo fará entrega dun agasallo institucional en nome do concello como mostra de gratitude, “moi satisfeitos con esta relación que se establece entre o norte e o sur, que permite dar a coñecer a nosa cultura, patrimonio, gastronomía e paisaxes, así como poder coñecer de primeira man como viven os andaluces un dos eventos máis sonados e importantes da súa cultura”.