• Galego
  • Español

O CONCELLO REPARTIU MARCAPÁXINAS DE ROSALÍA DE CASTRO NOS CATRO CENTROS DE ENSINO

O concelleiro de Cultura, José Díaz, repartiu hoxe marcapáxinas de Rosalía de Castro nos catro centros de ensino da vila. O obxectivo pasa por render homenaxe á autora galega e fomentar a lectura.

O edil burelés contou que “os marcapáxinas están nas bibliotecas dos Ceips e dos IES coa intención de repartilos entre as rapazas e os rapaces que se acheguen a ler. Queremos que accedan a estes espazos e que lean. Pretendemos fomentar a lectura e lembrar a Rosalía de Castro no seu día”. Estes marcapáxinas tamén se poden atopar na Biblioteca Pública Municipal.

Pola tarde seguirán as actividades organizadas para conmemorar esta xornada. Na Casa da Cultura de 16:30 a 19:00 horas haberá un obradoiro creativo chamado A miña Rosalía. “Trátase de decorar unha imaxe de Rosalía de Castro utilizando diversos materiais, como plastilina, papel, cores, abelorios, … Está enfocado a nen@s de 3 a 12 anos. Durante ese tramo horario poden pasarse cando queiran @s nen@s, imos darlles un pequeno agasallo aos participantes e despois todas esas creacións de Rosalía que fagan expoñerémolas durante unha semana na Casa da Cultura para que as poidan ver eles, as súas familias e evidentemente toda a veciñanza de Burela”, indicou José Díaz.

E para as 18:30 horas está prevista unha actuación por parte do grupo Arume, de Burela, a cargo da súa sección infantil e xuvenil. Será diante da Casa Concello, onde está despregada a pancarta de Rosalía. En caso de chuvia a actuación trasladarase á praza de abastos.