• Galego
  • Español

O concello de Burela rehabilitará o parque da Marosa coa mellora dos elementos e a incorporación de xogos adaptados

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde, Ramiro Fernández, visitaron a zona con persoal técnico municipal e membros da empresa adxudicataria

Renovaranse os elementos de xogo do parque infantil con motivos pesqueiros e incluirase un dindán para nenas e nenos con mobilidade reducida

O proxecto técnico recolle o orzamento de execución do proxecto na cantidade de 49.979, 40 euros, que será financiado polo Plan Único da Deputación de Lugo

Burela, 11 de abril de 2022.-  O Concello de Burela vén de anunciar que fará melloras no parque infantil da Marosa, rehabilitando este espazo de xogo que conta cunha grande afluencia de bureleses e mariñenses, ubicado na zona deportiva de A Marosa con dous campos de fútbol, unha pista de tenis, outra de pádel e unha praia de bandeira azul.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde, Ramiro Fernández, desprazáronse ata a zona acompañados da arquitecta municipal e o encargado de obras para planificar o traballo que se prevé iniciar o vindeiro mes con membros da empresa adxudicataria, Sport Equipalia, SL. 

A renovación do parque infantil incluirá elementos con motivos pesqueiros e outros adaptados á realidade social da infancia, coa montaxe dun dindán para nenas e nenos con mobilidade reducida. 

O acalde, Alfredo Llano, informou da obra coa “satisfacción de poder levar a cabo unha renovación integral desta zona tan concorrida por familias da localidade e mesmo da comarca, un entorno deportivo que merece a posta a punto deste lugar de divertimento e lecer para os máis pequenos, entendendo todas as súas necesidades e apostando por crear espazos inclusivos”.

O proxecto, cun orzamento de execución de 49.979,40 euros, que será sufragado con fondos do Plan Único da Deputación Provincial, licitouse en base  ao que o tenente de alcalde, Ramiro Fernández, denominou “pregos sociais”, pois algúns dos requisitos de contratación sinalaban “á existencia dun Plan de Igualdade na empresa, á contratación de persoas en situación de desemprego, número de contratos indefinidos, así como á porcentaxe de mulleres na empresa, outorgando moito valor ás condicións laborais e á perspectiva social e igualitaria dos concorrentes”, sinalou o edil, amosando un claro compromiso e aposta do equipo de goberno “por transversalizar a xustiza social en todas as políticas que impulsamos”.

Na visita realizada á Marosa, os presentes puxeron en común a implementación da obra sobre o terreo, afondando sobre os distintos materiais que se empregarán así como a disposición e distribución dos distintos elementos que darán unha nova imaxe ao parque é á zona.