O Concello de Burela recolle un premio á excelencia turística polo Barco Museo Reina del Carmen
Burela, 27 de setembro. O Concello de Burela recibiu esta mañá un dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia de Lugo.
Na categoría de Turismo Sostible houbo un único premio que foi concedido ao Barco Museo Reina del Carmen de Burela.
“O noso barco museo é unha xoia de madeira dos anos 60 que te sumerxe nunha experiencia que fala do que fomos e do que somos a xente de Burela”, asegura a alcaldesa, Carmela López, que recolleu o premio da man do presidente da Deputación de Lugo e presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca.
“Quero agradecer o traballo de Ramiro Fernández, concelleiro de Turismo, do persoal municipal que mostra o noso barco, en especial a Lino Pernas, e das persoas que axudan tamén desde o concello, como Andrea Andión e Marzuka”, engade a alcaldesa.
“Os premiados sodes unha representación da calidade, da variedade e da riqueza turística e gastronómica de Lugo”, manifestou pola súa parte José Tomé Roca.