O Concello de Burela presentará o seu Plan de Mobilidade Sostible o luns 19 de agosto de 2024
- O acto será ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Burela, co obxectivo de dar a coñecer o PMUS entre a veciñanza
Burela, 16 de agosto de 2024. O vindeiro luns, día 19 de agosto de 2024, ás 19:00 horas, terá lugar a presentación do Plan de Mobilidade Sostible do Concello de Burela. Será ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.
"Queremos facer unha presentación pública do plan de mobilidade no que levamos traballando durante meses para que toda a veciñanza poida coñecelo en profundidade", sinala a alcaldesa de Burela, Carmela López.
"É preciso que a poboación saiba que é o PMUS e para que serve, que análises se fixeron para basear a toma de decisións, as particularidades da mobilidade en Burela e exemplos de propostas e implementacións que se pretenden realizar na nosa vila", engade a rexedora.
O obxectivo do novo plan de mobilidade é afondar na integración das mobilidades saudables e sustentables no Concello de Burela.
O acto de presentación do PMUS constará de diferentes puntos. Entre eles están unha exposición xeral do plan, un percorrido polos problemas existentes na mobilidade do municipio ou unha explicación das propostas para solucionalos e a súa implementación, rematando con exemplos prácticos do exposto.