O Concello de Burela presenta o Certame de Poesía Infantil e o Concurso de Postais “Nadal 2025”
- As dúas iniciativas impulsadas pola Biblioteca Pública Municipal recollen postais e poemas ata mediados de decembro
Burela, 10 de novembro de 2025. A Biblioteca Pública Municipal de Burela convoca dúas actividades con motivo das festas do Nadal: o Concurso de Postais “Nadal 2025” e o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025” na súa fase local.
Trátase de dúas propostas diferentes, dirixidas á infancia e á mocidade do municipio, que segundo explicou a concelleira de Cultura, Lina Gómez, “teñen como obxectivo promover a expresión artística e literaria, así como a participación activa no ámbito cultural do Nadal burelés”.
No caso do Concurso de Postais “Nadal 2025”, poderán participar todos os nenos e nenas do Concello en idade escolar. O tema das postais será o Nadal, con técnica libre e un tamaño aproximado de 15x21 centímetros pechada e 30x21 centímetros aberta, en cartolina. Finalmente, entregaranse tres premios por cada categoría: Educación Infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria, 5º e 6º de primaria.
Os traballos deberán presentarse na Biblioteca Municipal sen asinar e acompañados dun sobre pechado no que figuren os datos do autor ou autora, teléfono, colexio, curso e idade ata o venres 12 de decembro ás 20:00 horas. As postais serán expostas ao público na Sala de Arte da Casa da Cultura dende o venres 26 de decembro de 2025 ata o venres 30 de xaneiro de 2026.
Pola súa banda, o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025” na súa fase local está dirixido a cativada e mocidade ata os dezaseis anos, establecéndose tres categorías por idades: ata oito anos, de nove a once e de doce a dezaseis.
O tema dos poemas será tamén o Nadal e deberán presentarse redactados en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, escritos a computador ou a man, sempre en bolígrafo.
Cada participante poderá presentar cantos traballos desexe, acompañados dunha folla de datos identificativos que non debe incluírse no propio poema. O prazo de entrega rematará o 19 de decembro de 2025, debendo realizarse a entrega na Biblioteca Pública Municipal e será un xurado composto por persoas entendidas na materia quen seleccionará os traballos gañadores de cada categoría. Os autores premiados recibirán un diploma acreditativo e un lote de libros, e o fallo do xurado farase público no mes de xaneiro de 2026.
Ademais, ditos traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Os textos galardoados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo, que se reserva o dereito de publicación e incluirá os poemas premiados nun libriño conmemorativo anual.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que “estas convocatorias manteñen o compromiso do Concello de Burela coa promoción da lectura, da escrita e das expresións artísticas entre a rapazada”. Tamén engadiu que “de igual xeito, facilitan que poidan compartir o seu traballo con outras persoas da comunidade, fomentando o interese pola literatura e as artes desde idades temperás”.
Para máis información sobre ambas convocatorias, as persoas interesadas poden preguntar na Biblioteca Pública Municipal de Burela, mentres que as bases poden consultarse na web do Concello de Burela.