O Concello de Burela presenta a súa programación de actividades de verán na Casa da Xuventude
- Dirixidas á mocidade nada entre 2008 e 2014, as acitividades desenvolverase do 13 de xullo ao 27 de agosto con propostas de xogos tradicionais, robótica, fútbol e diversión matemática
Burela, 30 de xuño de 2026. O Concello de Burela, no marco da Estratexia de Saúde, pon en marcha unha nova programación de actividades de verán gratuítas na Casa da Xuventude, que se desenvolverá entre o 13 de xullo e o 27 de agosto.
A programación distribuirase ao longo da semana con diferentes actividades. Os luns estarán dedicados aos Xogos Populares e Tradicionais, unha proposta que, ademais de recuperar xogos tradicionais, pretende servir como representación das diferentes culturas presentes na vila.
Os martes será a quenda da Robótica, unha actividade que combina ocio con aprendizaxe sobre tecnoloxía. Os mércores terá lugar Fútbol na Rúa, que contará cunha estrutura circular instalada no exterior da Casa da Xuventude para que a mocidade poida gozar desta actividade ao aire libre.
A programación continuará os xoves con Diversión Matemática, unha iniciativa pensada para fomentar a curiosidade e o interese polas matemáticas a través de retos e propostas prácticas desenvolvidas nun ambiente lúdico.
Os venres non haberá actividade programada, pero a Casa da Xuventude permanecerá aberta para que os rapaces e rapazas poidan facer uso dos seus espazos de lecer durante o horario habitual de verán.
As actividades desenvolveranse, con carácter xeral, entre as 10:00 e as 13:00 horas, agás Fútbol na Rúa, que terá lugar de 11:00 a 14:00 horas. A partir do 15 de xullo, a Casa da Xuventude abrirá en horario de 8:00 a 14:00 horas, polo que os participantes poderán utilizar a súa aula de xogos tanto antes como despois das actividades diarias.
O prazo de inscrición abre mañá,1 de xullo ata o día 10. As persoas interesadas poderán incribirse a través do correo electrónico casaxuventude@burela.org, de maneira presencial no Concello de Burela ou chamando ao teléfono 982 58 60 00.
Como adianto da programación de verán, a próxima semana celebraranse dúas xornadas de portas abertas. O martes 7 de xullo poderá probarse a actividade de Robótica e o mércores 8 de xullo desenvolverase unha sesión de Fútbol na Rúa, ofrecendo á mocidade a oportunidade de coñecer ambas propostas antes do inicio oficial da programación.
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Xuventude, Mario Pillado, sinala que "este ano insistimos en ofrecer unha alternativa de ocio á nosa mocidade durante o verán cun programa diverso e gratuíto que combina tradición, deporte, tecnoloxía e aprendizaxe".
O concelleiro destaca ademais que "queremos que a Casa da Xuventude continúe sendo un espazo de encontro durante as vacacións, onde a rapazada poida gozar, compartir tempo e participar en actividades pensadas para eles e elas ao longo de todo o verán".