O Concello de Burela presenta a duodécima edición do Torneo de Tenis - Memorial José Luis Yebra
- O torneo disputarase entre o 18 de xullo e o 2 de agosto nas pistas da Marosa
Burela, 13 de xullo de 2026. As pistas de tenis da Marosa acollen un ano máis o Torneo Memorial José Luis Yebra. Na súa duodécima edición, a competición incluirá as modalidades de individual absoluto, con cadro de consolación para as persoas eliminadas no primeiro encontro; dobres absoluto; e individual Xóvenes Promesas, que contará con, cando menos, dúas categorías.
O torneo entregará trofeos e vales de compra para primeira e segunda clasificadas en todas as categorías individuais, mentres que nas probas de dobres haberá trofeos para as parellas campioas e subcampioas. A gran final e o acto de clausura do torneo están previstos para o 2 de agosto.
No marco desta décimo terceira edición tamén se fará entrega dun recordo conmemorativo do XII Aniversario do Memorial J. L. Yebra á familia de José Luis.
O concelleiro de Deportes de Burela, Carlos Méndez Pena, destacou que "este torneo volve converterse nunha cita importante para o tenis no noso concello e mantén vivo o recordo de José Luis Yebra a través do deporte".
Méndez Pena sinalou ademais que "o obxectivo é ofrecer unha competición aberta a diferentes perfís de xogadores e xogadoras, fomentando tanto a participación como o ambiente deportivo ao longo de dúas semanas de competición".
Finalmente, o concelleiro convidou "á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao tenis a achegarse ás pistas da Marosa para animar ás persoas participantes e vivir de preto este evento deportivo".
As inscricións para persoas non socias terán un prezo de 10 euros na categoría de individual absoluto, 5 euros por xogador/a en dobres e 5 euros por xogador/a na categoría de Xóvenes Promesas. Para as persoas socias, a inscrición será gratuíta.