O Concello de Burela pon en marcha unha nova edición de Somos Verán
- O programa ofrecerá catro quendas para alumnado de Infantil e Primaria durante os meses de xullo e agosto no CEIP Os Castros
Burela, 10 de xuño de 2026. O Concello de Burela abre o prazo de inscrición dunha nova edición de Somos Verán, un programa de lecer estival dirixido a nenas e nenos que cursaron Educación Infantil e Primaria durante o curso 2025-2026. A iniciativa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto no CEIP Os Castros e contará cun amplo programa de actividades lúdicas e educativas.
O programa estrutúrase en catro quendas: do 1 ao 14 de xullo, do 15 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 11 de agosto e do 12 ao 25 de agosto. As actividades levaranse a cabo de luns a venres en horario de mañá (de 09:00 a 13:30 horas) e incluirán talleres, xogos, obradoiros e actividades relacionadas coa Bandeira Azul, entre outras propostas.
O prazo de inscrición estará aberto dende mañá, xoves 11, ata o 15 de xuño e as solicitudes poderán presentarse a través do correo electrónico gaia@burela.org ou de maneira presencial na oficina de Gaia. Toda a información, bases e formulario de inscrición poden consultarse na páxina web municipal burela.org.
A concelleira Lina Gómez destacou a importancia dun programa “xa consolidado” dentro da oferta estival do Concello. “Queremos que os nenos e nenas teñan un verán divertido, activo e enriquecedor, compartindo tempo con outros rapaces e rapazas e participando en actividades pensadas para aprender e pasalo ben”, sinalou.