O Concello de Burela pecha con éxito unha nova edición dos campamentos Somos Verán
- A iniciativa contou con 75 nenos e nenas en cada unha das quendas e ofreceu durante xullo e agosto unha ampla programación de actividades educativas, deportivas e de lecer
Burela, 28 de agosto de 2026.– O Concello de Burela vén de poñer fin a unha nova edición dos campamentos Somos Verán, unha iniciativa que durante os meses de xullo e agosto ofreceu ás nenas e nenos da vila unha alternativa de ocio educativo e de lecer durante as vacacións estivais, contribuíndo tamén a facilitar a conciliación das familias.
Desde o Concello faise unha valoración moi positiva desta edición, tanto pola participación como pola boa acollida entre as familias. Os campamentos desenvolvéronse en quendas de dúas semanas e en cada unha delas participaron 75 nenos e nenas, unha cifra que confirma a consolidación de Somos Verán como unha das propostas estivais de referencia para a infancia en Burela.
Ao longo das diferentes quendas, as persoas participantes puideron gozar dunha programación diversa, pensada para combinar aprendizaxe, convivencia, actividade física e diversión. Entre as propostas realizadas incluíronse actividades vinculadas á Bandeira Azul, saídas e visitas por diferentes puntos de Burela, como parques, praias, o porto, a Confraría ou A Moncloa.
A programación completouse cunha visita a unha panadería, onde as nenas e nenos tiveron a oportunidade de elaborar as súas propias pizzas, ademais de actividades na Casa da Xuventude, obradoiros e manualidades, xogo libre e propostas lúdicas con colchonetas, entre outras iniciativas.
Colaboración co tecido deportivo e asociativo de Burela
Un dos aspectos destacados desta edición foi novamente a implicación de diferentes entidades da vila. Os campamentos contaron coa colaboración do Club de Tenis, o Club de Surf e o Reyco Burela FS, que achegaron ás persoas participantes ás diferentes modalidades deportivas e lles permitiron coñecer de primeira man o traballo que estes clubs desenvolven no municipio.
Desde o Concello de Burela salientan a importancia destas colaboracións, que permiten enriquecer a programación de Somos Verán e, ao mesmo tempo, achegar ás novas xeracións ao tecido asociativo e deportivo local.
O Concello quere agradecer a implicación de todas as persoas, entidades e familias que fixeron posible o éxito dunha nova edición de Somos Verán, cunha mención especial ás monitoras da Aula Medioambiental Gaia, encargadas de desenvolver o programa, así como ao resto do persoal que colaborou e participou ao longo dos diferentes campamentos.
Con esta nova edición, o Concello de Burela reafirma a súa aposta por ofrecer durante o período estival alternativas de ocio de calidade para a infancia, favorecendo a convivencia, o coñecemento da contorna e a participación en actividades educativas, culturais e deportivas.