• Galego
  • Español

O Concello de Burela pecha con éxito os cursos de formación dixital impartidos na aula CeMIT

  • As accións formativas desenvolvidas a través da Fundación Cibervoluntarios permitiron á veciñanza mellorar as súas competencias dixitais en materia de seguridade, redes sociais e identidade en liña

Burela, 8 de maio de 2026. Rematan os cursos de formación dixital desenvolvidos nas últimas semanas na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional a través da Fundación Cibervoluntarios.

As accións formativas “YoConecto” estiveron dirixidas á veciñanza co obxectivo de mellorar as súas competencias dixitais e fomentar un uso seguro e práctico das novas tecnoloxías.

Durante as distintas sesións, as persoas participantes tiveron a oportunidade de aprender cuestións relacionadas coa seguridade en internet, a prevención de fraudes dixitais, o uso das redes sociais ou a creación e protección da identidade en liña, adquirindo coñecementos útiles para o seu día a día e para realizar trámites dixitais con maior autonomía e seguridade.

O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou a boa acollida desta iniciativa e destacou que “o grupo formado puido avanzar moito nas competencias dixitais para poder realizar os seus trámites de forma segura, nun ambiente moi positivo entre todos e todas, polo que tamén puidemos comprobar que desfrutaron moito da formación”, sinalou.