• Galego
  • Español

O Concello de Burela mellora os medios municipais coa incorporación dun robot desbrozador

  • O novo equipo, adquirido por 40.000 euros, permitirá realizar tarefas de desbroce en zonas con pendente con maior rapidez e menor risco para as persoas traballadoras

Burela, 21 de xullo de 2026. O Concello vén de incorporar ao seu equipamento un robot desbrozador destinado aos traballos de mantemento e limpeza de parcelas. A adquisición deste novo equipo ten como obxectivo reforzar a capacidade de actuación dos servizos municipais, axilizar as tarefas de desbroce e mellorar as condicións de seguridade do persoal encargado.

A nova máquina está especialmente deseñada para traballar en terreos con pendentes, o que permite que os operarios non teñan que realizar manualmente limpezas en zonas de maior dificultade e risco. Ademais, conta con regulación da altura de corte entre os 20 e os 150 milímetros e ofrece a posibilidade de realizar o desbroce en ambos os sentidos sen necesidade de manobrar.

Segundo explicou o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, esta incorporación permitirá "facer os traballos moito máis rápido e con moita máis seguridade, evitando que os operarios teñan que expoñerse a riscos en zonas de gran pendente”.

A adquisición levouse a cabo mediante un procedemento de licitación pública que saíu cun orzamento de 48.400 euros, ao que concorreron catro empresas, acadándose finalmente unha baixa de 8.000 euros.

O concelleiro de Obras subliñou que “dende o Concello seguimos invertindo en novas tecnoloxías para mellorar a vida dos veciños, prestando os servizos municipais coa maior eficacia posible".